O pobo galego clama contra o proxecto depredador de Altri
As rúas de Palas de Rei quedaron pequenas para acoller as 20.000 persoas que o pasado 26 de maio participaron na manifestación contra a fábrica que Altri proxecta instalar no corazón da Ulloa, evidenciando o rexeitamento masivo do pobo galego a este proxecto depredador dos nosos recursos e ao modelo de industria de enclave que representa.
Mais a loita social para evitar que este proxecto se materialice ten que continuar, nas institucións e nas rúas, e por iso xa está programada outra gran mobilización para o 30 en xuño en Compostela.
A CIG, que acudiu a manifestación de Palas cunha faixa propia baixo o lema 'En defensa da nosa terra, Altri non' e no seu día fixo campaña de recollida e presentou alegacións contra o proxecto, critica que o goberno de Rueda o declare de utilidade pública e proxecto industrial estratéxico. “Estamos diante dun modelo depredador dos nosos recursos naturais, con grave impacto ambiental, social e económico”, denunciou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
Para a CIG é inaceptábel o financiamento público, moito máis con fondos europeos, polo que implica de endebedamento público. Reclama que se teñan en conta varios apartados -propostos pola central sindical- no informe do CES de Galiza, incluídos no trámite do Anteproxecto de Lei de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galiza, e cuxo proxecto de lei vén de ser remitido ao Parlamento.
Nestes recóllese que os proxectos industriais teñen que pechar os ciclos produtivos en Galiza; respectar o ambiente e a idiosincrasia dos lugares onde se asenten; garantir o saldo de emprego neto e retorno económico e social e protexer as terras e lugares dedicados ao abastecemento de alimentos, para priorizar a soberanía alimentaria sobre intereses industriais.
Pero até o momento non se coñece ningún plan de industrialización ligado ao sector do papel, cartón e téxtil, que promova o peche dos ciclos produtivos en Galiza e aumente o valor engadido en sectores básicos da nosa economía.