O pobo das Pontes clama por un futuro con emprego e industria

A Pontes - 15 Dec 2023

O pobo das Pontes botouse novamente á rúa o 23 de novembro para exixir unha transición xusta, medidas que garantan a reindustrialización e un futuro con emprego. A manifestación foi o acto central da folga xeral parcial convocada pola CIG na localidade, que rexistrou un seguimento masivo en todas as empresas, sectores e administracións, cun especial impacto no comercio e na hostalaría local que pecharon na práctica totalidade.

O secretario xeral, Paulo Carril, alertou que “As Pontes é a zona cero” da crise industrial que temos en Galiza, e que non estamos ante unha transición, “senón ante unha reconversión clásica que deixa detrás un estrago importante non só na actividade ligada á produción de enerxía, senón tamén naquelas empresas que no seu día foron representativas dos plans de reindustrialización, como Einsa”, cun ERE para despedir a máis de 120 traballadores/as. 

As Pontes é a 'zona cero' da crise industrial que temos en Galiza

Esta xornada de loita convocada pola CIG (e á que nin UGT nin CCOO se quixeron sumar) supón unha chamada de atención urxente para que Goberno español, Xunta e Concello “fagan o imposíbel para frear esta demolición e evitar que sexa Endesa quen marque o ritmo e o calendario ante a inacción das administracións”.

Carril criticou que “as promesas dun paraíso industrial e de emprego para As Pontes non son certas”, xa que a realidade é unha sucesión de despidos e unha crise importante na localidade e na súa contorna dende o anuncio do peche da central térmica en 2019.

Sen solucións nin novos proxectos

Nesta liña, o voceiro da CIG nas Pontes, Alberte Amado, criticou que no tempo transcorrido non houbo solucións nin se asentaron novos proxectos industriais, “só temos promesas e procesos na vía administrativa”. Reclamou un plan de choque que a curto praza dea unha alternativa laboral e económica a todos os colectivos afectados; a creación de solo industrial; e que se conserve a vinculación laboral do persoal da industria auxiliar.

Tamén a paralización de todos os ERE, que se reasignen os 1400 MW de evacuación da central térmica no nó de transición xusta das Pontes e a consecuente poxa ligada a proxectos industriais.