O pleno do Porriño aproba unha moción instando a Frigolouro a igualar as condicións laborais de todo o persoal
Durante a sesión plenaria celebrada onte na localidade pontevedresa debatiuse unha moción tramitada polo BNG na que se insta a Frigolouro a a modificar os acordos contractuais coa cooperativa de traballo asociado Servicarne coa finalidade de igualar as condicións laborais dos traballadores/as autónomos/as que prestan servizo na empresa de procesados cárnicos coas do cadro de persoal.
No texto tamén se reclama o apoio da corporación municipal á loita e ás reivindicacións dos afectados/as e solicítaselle á dirección xeral de Traballo que interceda no conflito laboral co fin de reclamarlle a Frigolouro que atenda as demandas do persoal autónomo. Finalmente, ínstaselle á Xunta e ao Goberno central a modificar a lexislación laboral para evitar situacións de explotación e escravitude.
Un nutrido grupo de traballadores/as autónomos/as dependentes de Frigolouro estiveron presentes no pleno e aproveitaron para amosar cartaces denunciando a súa precaria situación laboral. O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Vigo, Luciano Villar, foi o encargado de intervir na sesión en representación dos empregados/as.
O responsábel sindical fixo un repaso sobre o que está a acontecer en Servicarne dende a súa creación en 1999: “Comezaron con 40 socios/as e agora hai arredor de 240, o que fixo que Frigolouro fora reducindo cadro de persoal e substituíndoo por cooperativistas en condicións económicas moi inferiores, ao tempo que incrementou os ritmos de produción”.
Como consecuencia, neste tempo o persoal propio de Frigolouro pasou de 600 a 360 traballadores/as. “Agora o 70% do persoal do departamento de fabricación pertence a Servicarne, cando antes o 100% era de Frigolouro”, lembrou Villar. Ademais, o responsábel da FGAMT-CIG aproveitou para denunciar as penosas condicións laborais que padece o persoal asociado a Servicarne (sen salario fixo, sen vacacións nin licenzas, sen horarios nin calendario laboral, sen posibilidade de cobrar estando de baixa xa que as enfermidades profesionais ocúltanse como baixas por enfermidade común).