O Pleno do Concello de Arteixo aproba a moción de apoio á proposta da CIG da tarifa para a industria electrointesiva
O Pleno do Concello de Arteixo aprobaba esta mañá unha moción de apoio á proposta que a CIG está a impulsar para a creación dunha tarifa para a industria electrointensiva máis xusta e predicíbel e que recoñeza o estatus específico deste tipo de industrias. A moción foi defendida por Alberto Valiño, delegado da CIG na fábrica de Ferroatlántica de Sabón e contou co respaldo de todos os grupos da Corporación.
A través desta iniciativa, que se vai presentar en todos os Concellos onde están asentadas este tipo de industrias, tamén se fai un chamado ás corporacións municipais para que insten o Goberno galego e o Goberno español a que se constitúa unha Mesa de Traballo na que estean presentes todos os sectores afectados, sen exclusións e transparente, para desenvolver o estatuto da industria electrointensiva. Así como urxir o Goberno español a que aprobe, na maior brevidade posíbel, a regulación completa dun marco enerxético estábel para esta industria.
Importancia deste sector industrial en Galiza
Concentración en Cee
Dentro do calendario de mobilizacións que a CIG está a desenvolver para esixir dos Gobernos medidas inmediatas para reverter a grave crise industrial que atravesa o sector electrointensivo e evitar o peche de empresas e a destrución do postos de traballo, a CIG ten convocada para este, venres 1 de marzo, unha concentración ás 12:00 horas diante da fábrica de Ferroatlántica de Cee.
A CIG lembra importancia que este sector industrial ten en Galiza, con especial incidencia na Mariña e na comarca da Coruña, mais que nestes momentos atravesa unha fonda crise. Aí están os exemplos de Alcoa, sobre a que pende a ameaza de peche e a destrución de preto de 400 empregos a partir do 1 de xullo, ou o fraudulento ERTE que Ferroatlántica pretende executar nas fábricas de Sabón e Cee, malia gozar de concesións para a explotación de minas e centrais hidroeléctricas en Galiza.
Precisamente, no texto da moción presentada pola CIG destácase a sorte de 'ruleta rusa' que supón o actual sistema de adxudicación da interrumpibilidade, que non só pon en cuestión os investimentos para a modernización destas industrias que teñen unha gran dependencia do prezo da enerxía, senón que provoca unha competencia desleal entre empresas e incluso o resultado da poxa ser utilizado por compañías que pretenden pechar ou reducir centros produtivos.
Regulación máis xusta e equitativa
Fronte a isto, a CIG propón a aprobación dunha nova regulación máis xusta e equitativa, que recoñeza o estatus da industria electrointensiva, coa creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se podan acoller os grandes consumidores baixo o cumprimento dunha serie de requisitos de consumo, potencia contratada e dispoñibilidade de interrupción.
Ademais, para acollerse a esta tarifa rebaixada (da que a CIG propón liberar as peaxes que non teñen unha relación directa co funcionamento do sistema eléctrico e que estes custes sexan asumidos polos Orzamentos do Estado), as empresas terán a obriga de inversións e melloras nos procesos produtivos para manter e ampliar o nivel de emprego directo e mellorar as condicións laborais recollidas en convenio.
Galiza, produtora e exportadora de enerxía
Na Galiza o sector enerxético é estratéxico, polo que representa no produto interior bruto e por ser un factor relevante para a produción industrial. Somos excedentarios en enerxía eléctrica, soportamos os custes sociais e medioambientais desta actividade, non podendo favorecer os prezos a industrias afincadas no país. Por este motivo, resulta difícil explicar socialmente que non se tomen novas iniciativas como esta, na defensa da industria galega, ou como no que no seu día tamén levou adiante a CIG coa presentación dunha ILP por unha tarifa eléctrica galega.