O pleno de Vigo urxe o Concello a instalar o monumento para conmemorar as loitas obreiras do 72
O pleno municipal de Vigo aprobou onte, cos votos a favor de BNG e PP e a abstención do PSOE, dunha moción na que se urxía o Concello a adoptar coa maior axilidade todas as medidas necesarias para posibilitar, dunha vez por todas, a instalación na cidade dun monumento conmemorativo das loitas obreiras de setembro de 1972.
No texto ínstase ao Goberno local a aceptar canto antes a doazón do monumento por parte da CIG para a súa posterior colocación “na localización acordada coa entidade doadora”. A moción fai parte das iniciativas postas en marcha pola central sindical fronte aos atrancos que está a poñer o Executivo de Caballero para impedir a instalación do monumento.
Xa que primeiro rexeitou a ubicación proposta hai xa máis de dous anos pola central sindical na Avenida de Castelao, no barrio de Coia, e despois ofreceu unha alternativa (no monte do Castro) a sabendas de que non era viábel porque Patrimonio non ía dar a pertinente autorización ao tratarse dunha zona de alto valor arqueolóxico.
De xeito que a CIG solicitou o emprazamento na zona proposta inicialmente, “pero o Concello optou polo silencio e nin sequera contesta ás nosas peticións para manter unha xuntanza”, tal e como denunciou recentemente o secretario comarcal de Vigo, Alberto Gonçalves.
Mobilizacións
En consecuencia a central decidiu convocar mobilizacións fronte ao consistorio para denunciar os impedimentos á instalación dun monumento integramente sufragado pola CIG co que se pretende “dignificar a memoria e recoñecer o compromiso insobornábel de todas as persoas que participaron nun proceso que non só constituíu unha reivindicación de liberdades fronte ao franquismo, senón que foi expresión inequívoca da vontade de autoorganización da clase traballadora galega, dando orixe ás primeiras forzas sindicais nacionalistas”, en palabras do propio secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
Ademais destas protestas -que poderían continuar nas próximas semanas se o Concello insiste na súa actitude- a central decidiu presentar a moción para o seu debate no pleno coa intención de que o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, puidese intervir na sesión para presentala. Mais o Goberno local non o permitiu, polo que finalmente foi o BNG o que tramitou a iniciativa e o seu voceiro municipal o encargado de defendela.