O pleno da Coruña aproba unha moción en defensa dunhas condicións de traballo dignas en Abai Group
O pleno do Concello da Coruña celebrado o pasado xoves aprobaba por unanimidade unha moción en apoio ás reivindicacións das traballadoras e traballadores de Abai Group (Extel) e para instar a creación dunha mesa de mediación para negociar unhas condicións laborais dignas. A proposta, defendida polo BNG, presentouse a instancias da sección sindical da CIG ante o empeoramento progresivo das condicións de traballo, a perda de emprego e a reiterada negativa da empresa a cumprir os acordos alcanzados co comité e negociar calquera tipo de mellora.
Na moción descríbese a situación que padecen os traballadores e as traballadoras da empresa en relativo á excesiva carga de traballo, á falta de contratación, ao incremento da presión e a imposición de obxectivos imposíbeis de acadar, á ausencia de formación, aos impedimentos á conciliar, á imposición de sancións inxustificadas e inxustas ou aos constantes incumprimentos dos acordos e das sentenzas xudiciais.
Por iso, na moción ínstase ao Concello da Coruña a impulsar unha mesa de mediación, xunto á representación social, para defender unhas condicións de traballo dignas para os/as traballadores/as; que a Corporación apoie as mobilizacións que se convoquen en defensa dos dereitos; esixirlle á empresa a eliminación das prácticas habituais consistentes en sancións e presións; así como instar a Abai Group a adoptar metodoloxías de traballo que non poñan en risco a situación psicosocial do persoal, e que respecte o cumprimento dos acordos acadados co comité e os dereitos adquiridos polo cadro de persoal.
Xunto a isto, no texto chámase ao Concello a esixir tanto a Telefónica como a Abai Group un compromiso de mantemento do emprego e do incremento da contratación no centro de Abai da Coruña, tendo en conta que nos últimos anos houbo unha diminución continuada do cadro de persoal (polos despedimentos, as modificacións substanciais ou falta de substitucións), e unha caída da contratación que non se está a rexistrar noutros centros de traballo que a empresa ten no Estado español.
Nesta liña, tamén se insta a Telefónica a garantir unhas condicións de traballo dignas para todas as traballadoras e traballadores das súas empresas auxiliares, nomeadamente en Extel Contact Center SAU. E de igual xeito, que se demande a todas as administracións competentes na materia que poñan os medios e mecanismos para garantir os dereitos laborais nesta empresa.
Para que a moción non quede só en boas palabras, no texto tamén se insta o Goberno municipal a que nun prazo de tres meses revise o cumprimento dos acordos alcanzados.
Folga o día 20 de outubro
Hai que subliñar que a precarización laboral e a falta de vontade negociadora e os incumprimentos reiterados por parte da dirección de Abai Group teñen levado ao comité a convocar unha xornada de folga para o próximo 20 de outubro, así como unha concentración ás 12:00 horas diante do centro de traballo da Coruña (Edificio Proa, Matrogrande).
Xunto a isto, a sección sindical da CIG chama a atención sobre o feito de que Abai "que ten os seus traballadores e traballadoras nestas condicións laborais, acaba de recibir a adxudicación do servizo de rastrexo Covid do SERGAS".