O Plan de Recuperación da Xunta exclúe os xulgados de instrución, penais, contenciosos e de paz
A CIG-Xustiza vén de denunciar que a 2ª fase do Plan de Recuperación do traballo despois da folga, anunciado o día 11 de outubro e que entrou en vigor –despois dunha ponte- o luns 15, só afecta a unha terceira parte dos órganos xudiciais, deixando fóra a case que 180 órganos, sen contar cos xulgados de paz. Para o sector de Xustiza da central sindical, este plan “premia as/os avogadas/os, ao incluír os xulgados de 1ª instancia e mercantís das sete cidades”, mais exclúe os xulgados de instrución, os penais, os contenciosos e os de paz.
No acordo asinado en maio pola Xunta e os sindicatos UGT, CCOO e USO, no punto 8 recóllese que se establecerán uns plans de recuperación do traballo perdido durante a folga até chegar ao 80%, que abranguería a todas as oficinas xudiciais e a todos os corpos de traballadores/as.
Incumprimento do acordo
A planificación non é obxectiva dende o momento no que vai haber xulgados cun seguimento masivo da folga, como o contencioso, penal ou vixilancia penitencia, que non terán plan de recuperación"
A primeira fase deste acordo iniciouse en xuño para os servizos comúns, obrigacións e embargos e os servizos de decanato das sete grandes cidades. Para esta segunda fase, agardábase que a intención da Xunta fora desatascar primeiro os repartos e os rexistros e despois comezar cos xulgados. “Pensabamos que se actuaría agora sobre o resto dos xulgados, pero cal é a nosa sorpresa cando comprobamos que o plan non chega nin á terceira parte dos órganos xudiciais de Galiza”, subliña Xesús H. Sánchez, secretario nacional de CIG-Xustiza.
De feito, explica, déixase fóra aos xulgados de instrución, do penal, do contencioso, os de vixilancia penitenciaria e todos os xulgados de paz, incumpríndose así o establecido no acordo. E iso a pesar dos máis de 150.000 asuntos pendentes en Galiza no 2º trimestre de 2018, segundo datos do Consello Xeral do Poder Xudicial.
20 horas por traballador/a fronte ás 500 horas da folga
Para Sánchez, a Xunta usa eses tres sindicatos para sacar adiante un plan de regulación propagandístico “que estiveron vendendo durante cinco meses á prensa”, no que se fala de recuperar o 80% do traballo, cando na realidade a actividade sería de 20 horas por traballador/a. “Calculamos unha media de 500 horas por traballador/a perdidas durante a folga, porque houbo un seguimento masivo, e desas van poder recuperar 20 horas de traballo”. Para acollérense ao plan, informa o responsábel sindical, as empregadas e empregados téñense que apuntar e poderán realizar, entre o 15 de outubro e o 15 de novembro, 20 horas extraordinarias, pagadas moi por debaixo do que se retribúen as prolongacións de xornada. “Ese xa é o primeiro punto para estar en contra deste plan”, asevera.
Pero ademais, afirma, a planificación “non é obxectiva dende o momento no que vai haber órganos xudiciais que non seguiron a folga nin un día e vanse acoller a ese plan de recuperación e ao tempo haberá órganos -como os xulgados do contencioso, do penal ou de vixilancia penitencia-, que si seguiron a folga masivamente e non teñen ese plan de recuperación”.
O único órgano competente para negociar as condicións de traballo e o posíbel plan de recuperación é a Mesa Sectorial, que está sen convocar dende que rematou a folga"
Un exemplo moi claro está nos xulgados de paz, cos auxilios; nestes non estaban marcados servizos mínimos, a folga secundouse de xeito maioritario, mais non teñen plan de recuperación de traballo. Acontece o mesmo cos servizos de atención á cidadanía, que tampouco tiñan establecida unha actividade mínima, co cal eses servizos que estiveron pechados non teñen plan de recuperación. “É un plan inxusto que o único que fai é desprezar máis unha vez os traballadores e as traballadoras. O plan que se nos presenta, case 6 meses despois do remate da folga, dá conta da prepotencia que segue a ter a Xunta de Galiza co seu persoal”, critica Sánchez.
As condicións de traballo, na Mesa Sectorial
A Xunta presentou esta 2º fase a pasada semana na comisión de seguimento formada pola Administración, USO, UGT e CCOO, como unha oferta pechada. “O plan de recuperación tratouse sobre todo cos avogados e avogadas, a Fiscalía e o TSXG, cun escurantismo total e absoluto”, di.
Por iso, a CIG-Xustiza insiste en que se está a desvirtuar a negociación colectiva, xa que “o único órgano competente para negociar as condicións de traballo e o posíbel plan de recuperación é a Mesa Sectorial, sen convocar dende que rematou a folga”. Sánchez sinala que a última mesa sectorial “seria” tivo lugar en outubro de 2017, e logo, en maio deste ano, convocouse outra xuntanza “para que os sindicatos vendidos” puideran ratificar o acordo coa Xunta.
Dende o sector de Xustiza da CIG pídese “transparencia” e que se dea traslado das actas da comisión de seguimento. “Pedímolas e contestaron que non tiñan obriga de dalas, pois iso estamos estudando presentar unha demanda diante do contencioso administrativo”.