O plan de Estados Unidos para crear un Afganistán en Europa

Manlio Dinucci - 21 Xan 2022

Estados Unidos está a anunciar abertamente que podería facer en Ucraína contra Rusia o que xa fixo en Afganistán contra a URSS. De paso, paga a pena salientar que no papel que desempeñaron en Asia os yihadistas de Osama ben Laden teriamos en Europa os neonazis da praza Maidan

 Suecia despregou tropas en disposición de combate e vehículos blindados na illa de Gotland, situada no Mar Báltico a 90 quilómetros da costa oriental sueca. Segundo o ministerio sueco de Defensa, trátase de defender a illa de ameazantes buques rusos de desembarco que navegan preto dela. O Reino de Suecia súmase así á frenética campaña coa cal Estados Unidos e a OTAN inverten a realidade para presentar Rusia como unha potencia agresiva que se prepara para invadir Europa.

 Ao leste da illa de Gotland, a 130 quilómetros, Letonia está en estado de alerta do mesmo xeito que Lituania e Estonia fronte ao inimigo inventado que supostamente está a piques de invadilas. Como «defensa contra a ameaza rusa», a OTAN despregou 4 batallóns multinacionais nas tres repúblicas bálticas e en Polonia.

 Italia participa con centos de soldados e vehículos blindados no despregamento militar da OTAN en Letonia. Italia é ademais o único país que participou en todas as misións de policía aérea orquestradas pola OTAN, desde bases en Lituania e en Estonia, e o primeiro país en utilizar avións de combate F-35 para interceptar avións rusos en voo no corredor aéreo internacional sobre o Báltico.

 Mais as tres repúblicas báltica aínda non se senten o suficientemente «protexidas pola presenza reforzada da OTAN», así que o ministro de Defensa de Letonia acaba de pedir unha presenza militar estadounidense permanente no seu país. Como no guión dunha película de Hollywood, os expertos explican que as tropas de Estados Unidos non chegarían a tempo de Alemaña para deter os tanques rusos e que, despois de ocupar as tres repúblicas bálticas, as forzas blindadas rusas illaríanas da Unión Europea e da OTAN apoderándose do corredor de Suwalki, entre Polonia e Lituania.

 Ucraína, que máis que socio xa é de feito membro da OTAN, aparece en todo isto como actor principal, no papel de país agredido . O goberno ucraíno asegura, partindo do principio que hai que acreditar só na súa palabra, ser branco dun ciberataque, que evidentemente atribúe a Rusia e a OTAN corre xunto coa Unión Europea en auxilio de Ucraína para librar unha guerra cibernética.

 Entrementres, Washington denuncia que Ucraína está rodeada de forzas rusas en tres direccións e, prevendo un peche do aprovisionamento de gas ruso a Europa, Estados Unidos prepárase xenerosamente a substituílo con entregas de grandes volumes de gas natural licuado  (GNL) estadounidense.

 A Casa Branca asegura -baseándose en informacións cuxa veracidade está estritamente garantida pola CIA- que o ataque ruso estaría precedido dunha operación false flag (baixo bandeira falsa) na que axente rusos infiltrados no leste de Ucraína cometerían sanguentos atentados contra os habitantes rusos do Donbass, atentados que Rusia atribuiría ao goberno ucraíno para xustificar a súa invasión. A Casa Branca parece esquecer que o ministro de Defensa ruso, Serguei Choigu, xa denunciara en decembro a presenza no leste de Ucraína de mercenarios estadounidenses equipados con armas químicas.

 Segundo o New York Times, Estados Unidos anunciou aos demais membros da OTAN que  «toda vitoria rusa rápida en Ucraína sería seguida dunha insurrección sanguenta similar a a que obrigou a Unión Soviética a retirarse de Afganistán», insurrección que tería o apoio da «CIA e o Pentágono».

 O almirante estadounidense James Stavridis, ex xefe do Comando Supremo da OTAN en Europa, mesmo lembra que Estados Unidos sabe como facelo: a finais dos anos 1970 e nos anos 1980, Estados Unidos adestrou e armou os muyahidins contra as tropas soviéticas en Afganistán. Pero agora, segundo o almirante Stavridis, «o nivel de apoio militar de Estados Unidos a unha insurrección ucraína faría parecer pouca cousa o que demos contra a Unión Soviética en Afganistán».

 O obxectivo estratéxico de Washington é evidente: precipitar a crise ucraína, deliberadamente provocada en 2014, para que Rusia se vexa forzada a intervir militarmente en defensa das poboacións rusas do Donbass e acabar nunha situación análoga á que levou a Unión Soviética a enlamarse en Afganistán.

 Mais esta vez sería crear un Afganistán en Europa, o cal provocaría un estado de crise permanente. Todo en beneficio de Estados Unidos, que reforzaría a súa influencia e a súa presenza no continente europeo.

 

[Artigo tirado do sitio web Rede Voltaire, do 20 de xaneiro de 2022]