
O pesoal de Masol Iberia concéntrase na Xunta en Ferrol para denunciar os incumprimentos en materia de prevención

O persoal da planta de Masol Iberia Biofuel concentrouse esta mañá diante do edificio da Xunta de Galiza de Ferrol para denunciar os incumprimentos da empresa en materia de seguridade e saúde laboral. Critican que, malia as continuas denuncias “nin as administracións nin a dirección nos fan caso”. Por iso, xa avanzaron que van solicitar unha xuntanza coa administración galega e coa Autoridade Portuaria de Ferrol e convocarán folga se non hai solucións.
De feito, advirten, que a única resposta que obtiveron “foi que a empresa nos culpabilizou ao persoal do descontrol e incumprimentos denunciados”. A este respecto, lamentan a falta de actuación das administracións que provoca que a compañía “estea moi cómoda e se negue a escoitar as nosas reclamacións”.
Entre outras cuestións, o persoal exixe que se cumpra a lei no relativo ás medidas de tempo de aseo destinadas ao persoal identificado na avaliación riscos como exposto a axentes canceríxenos; que se respecten as pausas para evitar a fatiga no traballo con equipos que inclúen pantallas de visualización; ou que se notifiquen os cambios de quenda cun mínimo de cinco días de antelación, como estabelece o ET.
Neste punto, sinalan que esta falta de previsión afecta directamente á conciliación da vida laboral e a persoal, incrementando os niveis de estrés e ansiedade. “A continua exposición a estas condicións caóticas contribúe ao desenvolvemento de riscos psicosociais, afectando negativamente á saúde mental do persoal e ao seu benestar xeral”, subliñan.

Xunto a isto, alertan do incumprimento reiterado do plan de emerxencia interior sen respectar o persoal mínimo en caso de actuación; e que hai quendas nas que o persoal que opera as caldeiras non está capacitado para facelo.
A empresa non quere negociar
Insisten en que estas neglixencias que levan tempo denunciando “terían amaño se a empresa e a Xunta quixesen. O persoal de Masol Iberia queremos solucionalo mediante propostas, negociación e acordos que entendemos que beneficiarían a todas as partes, pero o pasotismo e desleixo da dirección obrigounos a presentar denuncias diante da Inspección de Traballo e solicitar unha xuntanza co organismo correspondente da Xunta”, apuntan.
Lembran que a actividade da planta de biofuel non atinxe unicamente á saúde e benestar das persoas que traballan nas instalacións, xa a súa actividade “pode afectar tamén ao conxunto da cidadanía, polo que se non obtemos resposta de ningunha das partes interpeladas, nun acto de responsabilidade social e defensa nos nosos dereitos, intensificaremos as medidas de presión até solucionar estes gravísimos incumprimentos”.