O persoal vigués de Linorsa decide mobilizarse a diario no Concello para denunciar o impago de salarios
Os comités de empresa de Linorsa decidiron a convocatoria de mobilizacións diarias ante os reiterados impagos dos salarios por parte da empresa e para denunciar a falta de implicación do Goberno local, do PSOE, que continúa sen recibir as afectadas/os.
Segundo lembran dende a CIG-Servizos de Vigo, o propio concelleiro responsábel das contratas municipais anunciara no pleno de xaneiro que ían obrigar a empresa a abonar os salarios e amosárase disposta a recibir a representación do cadro de persoal para abordar o conflito.
“Pero a día de hoxe as traballadoras/es seguen sen cobrar; no caso das que desenvolven o seu labor nos colexios públicos e nas dependencias municipais a débeda corresponde ao soldo de febreiro, pero o resto (as que limpan nos Xulgados, no aeroporto, etc.) ten pendente de cobrar o mes de febreiro, 15 días de decembro e os atrasos do convenio provincial de Limpeza dos anos 2014 e 2015”.
Ao mesmo tempo, dende a central critican que o Goberno local aprobase hoxe mesmo eliminar a comisión de seguimento das contratas municipais, “o que a bo seguro vai empeorar a situación das empregadas/os”. Diante disto, o persoal vigués de Linorsa decidiu acudir a diario até o Concello para reclamarlle tamén que rescinda o contrato coa empresa, “esixencia que o PSOE de Ourense lle trasladou ao Goberno local, do PP, ante os impagos da empresa co persoal desta provincia”.