O persoal técnico do servizo de extinción de incendios forestais irá á folga a partir do 1 de agosto
Ante o nulo avance das negociacións para un novo acordo que regule as condicións de traballo do persoal técnico de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, as organizacións sindicais rexistraron o pasado mércores o preaviso da convocatoria de folga indefinida neste servizos a partir de 1 agosto. Porén, transcorridos varios días aínda non se produciu ningún tipo de movemento por parte da Administración galega nin se trasladou ningunha proposta que permita abrir unha negociación real.
A decisión de convocar a folga aprobouse na asemblea de traballadores e traballadoras celebrada o pasado luns para abordar o estado das negociacións coa Xunta e abordar as medidas de presión a realizar para avanzar nun novo acordo laboral, ante o inmobilismo da Consellaría.
A folga comezará ás 00 horas do 1 de agosto e terá unha duración indefinida, afectando a todo o persoal técnico de incendios forestais da Consellería do Medio Rural (grupos A1 e A2 escalas enxeñeiros/as técnicos forestais e enxeñeiros/as de montes).
Aumento de persoal, regular a xornada e mellorar a organización
As organizacións sindicais explican que o obxectivo da folga "é que a Administración Autonómica regule as condicións de traballo nun novo acordo" que recolla un incremento do cadro de persoal "para garantir os descansos legais establecidos sen afectar negativamente aos servizos públicos de prevención e extinción de incendios forestais e de planificación e ordenación forestal". Así mesmo, neste acordo deberase regular unha redución do horario anual -que supera ás 2000 horas-, o traballo en fins de semana, festivos, gardas e descansos compensatorios e garantir 15 de vacacións no verán.
Xunto a isto, demándase unha distribución da carga de traballo e unha maior organización entre a xestión dos montes, a prevención e loita contra incendios forestais e a xestión do persoal adscrito aos distritos forestais para maximizar a eficacia do servizo.
Dende o colectivo tamén se reclama eliminar a dispoñibilidade absoluta á que están sometidas e sometidos os xefes de distrito e establecer un/ha segundo xefe/a de garda por distrito forestal; así coo establecer a segunda actividade e coeficiente redutor para a xubilación anticipada.