O persoal técnico do SPIF celebra unha teleasemblea para reactivar a reclamación dun novo acordo laboral
O persoal técnico do Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Xunta de Galiza (SPIF) celebrou onte unha teleasemblea para reactivar a reclamación dun novo acordo laboral na que se analizou a falta de interese da Xunta en pactar as condicións de traballo e se consensuaron as reivindicacións do colectivo.
As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSIF levaran á mesa de negociación aberta o 9 de agosto de 2019 as demandas dos enxeñeiros/as técnicos/as forestais e enxeñeiros/as de montes, que traballan en tarefas esenciais da coordinación e xestión das emerxencias por incendios forestais, ademais da xestión forestal do monte galego, “sen que até hoxe a Administración fose capaz de presentar ningunha proposta”.
Neste senso, lembran que este persoal conta cun acordo de condicións de traballo do ano 2008 “que se demostra desfasado polos cambios na Consellería, distribución de persoal e condicións de xestión do monte e bioclimáticas actuais”; polo que foi denunciado polas catro centrais sindicais o 30 de agosto de 2019.
Segundo indican, o acordo de 2008 contradí varios preceptos da normativa laboral, polo que reclaman un novo acordo que incorpore as seguintes demandas:
-Aumentar o cadro persoal para garantir os descansos legais establecidos sen afectar negativamente aos servizos públicos de prevención e extinción de incendios forestais e de planificación e ordenación forestal.
-Redución do horario anual que supera as 2000 horas (arredor de 500 horas máis que o resto de empregados/as públicos/as).
-Regulación do traballo en fins de semana, festivos, gardas e descansos compensatorios e garantir 15 días de vacacións no verán.
-Distribución da carga de traballo e maior organización entre a xestión de montes, a prevención e loita contra incendios forestais e a xestión do persoal adscrito aos distritos forestais.
-Eliminar a dispoñibilidade absoluta dos xefes/as de distrito e establecer un/ha segundo xefe/a de garda por distrito forestal. Diminuír a interinidade, que é do 50%, engadindo todas as vacantes na seguinte Oferta de Emprego Público.
-Segunda actividade e coeficiente redutor para os maiores de 60 anos.
Finalmente, explican que ante a situación de paralización da negociación dun novo acordo de condicións de traballo por falta dunha proposta da Administración sobre a que debater, o colectivo decidiu reunirse nunha primeira teleasemblea que tivo lugar no día de onte, na que acordaron tamén os seguintes pasos a dar co obxectivo de lograr unha mellora das súas condicións laborais.