O persoal técnico do servizo de incendios intensifica as protestas para mellorar as condicións de traballo
Arredor de 60 enxeñeiros/as técnicos/as forestais e enxeñeiros/as de montes do Servizo de Prevención de Incendios Forestais de Galiza (SPIF) desenvolveron hoxe unha concentración diante da sede central de San Caetano, en Santiago, para reclamarlle a Medio Rural un novo acordo laboral que mellore as súas condicións de traballo.
Ao remate da protesta celebraron unha asemblea na que decidiron que as mobilizacións continuarán o vindeiro luns 29 cunha nova concentración diante da Xunta. O colectivo leva tempo demandando unha mellora das súas condicións laborais, especialmente no que ten que ver coas carteleiras e coa necesidade de incrementar o cadro de persoal.
A responsábel do sector de Autonómica da CIG-Administración, Zeltia Burgos, explicou que a Xunta vén de convocar unha reunión para este venres, pero non se trata dunha mesa de negociación, senón que será unicamente unha xuntanza para abordar as condicións de traballo durante o verán. “Polo tanto, trátase dun encontro para tratar unha cuestión ordinaria e está claro que o fan co ánimo de desmobilizar”, criticou.
Con esta acción diante da Consellería do Medio Rural queren denunciar a falta de interese da Xunta de negociar as condicións de traballo do colectivo. Nun comunicado conxunto, as organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT E CSIF lembran que levaron á mesa de negociación aberta o pasado 9 de agosto de 2019 as demandas do persoal que traballa en tarefas esenciais da coordinación e xestión das emerxencias por incendios forestais, ademais da xestión forestal do monte galego, “sen que até hoxe a Administración fose capaz de presentar ningunha proposta de reorganización do servizo público por escrito”.
Principais demandas
Indican que este persoal conta cun acordo de condicións de traballo do ano 2008 que se demostra “desfasado” polos cambios na Consellería, distribución de persoal e condicións de xestión do monte e bioclimáticas actuais; e que foi denunciado polas catro organizacións sindicais o 30 de agosto de 2019. Así, o acordo de 2008 contradí varios preceptos da normativa laboral, polo que reclaman un novo acordo que dea como mínimo solución ás seguintes cuestións:
-Aumentar o cadro persoal para garantir os descansos legais establecidos sen afectar negativamente aos servizos públicos de prevención e extinción de incendios forestais e de planificación e ordenación forestal.
-Redución do horario anual que supera as 2000 horas (arredor de 500 horas máis que o resto de empregados públicos).
-Regulación do traballo en fins de semana, festivos, gardas e descansos compensatorios e garantir 15 días de vacacións no verán.
-Distribución da carga de traballo e maior organización entre a xestión de montes, a prevención e loita contra incendios forestais e a xestión do persoal adscrito aos distritos forestais.
-Eliminar a dispoñibilidade absoluta dos xefes/as de distrito e establecer un/ha segundo xefe/a de garda por distrito forestal. Diminuír a interinidade, que é do 50%, engadindo todas as vacantes na seguinte oferta de emprego público.
-Segunda actividade e coeficiente redutor para os maiores de 60 anos.
Diante disto, e ante a situación de paralización da negociación dun novo acordo de condicións de traballo por falta dunha proposta da Administración sobre a que debater, o colectivo decidiu concentrarse fronte á Consellería do Medio Rural e presentar unha solicitude aos principais partidos políticos galegos para que estuden a súa incorporación aos seus respectivos programas electorais.