O persoal técnico de incendios exixe ao conselleiro de Medio Rural o desbloqueo das negociacións
Membros do comité de folga do persoal técnico de incendios forestais concentrábanse esta mañá diante da consellaría de Medio Rural, en Compostela noutro “mércores verde” para denunciar a falta de negociación dun novo acordo de melloras organizativas do servizo; unha maior dotación de medios técnicos e humanos e un novo acordo de condicións de traballo que sen dubida contribuirán a mellorar o Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) e a pór en valor o medio rural galego. Demandaron ademais do conselleiro que desbloquee as negociacións para dar unha saída ao conflito polo que están en folga indefinida desde o pasado 1 de agosto.
Representantes das organizacións sindicais e do comité de folga manifestaron o seu rexeitamento as actitudes hostís e de esmagamento continuado deste dereito fundamental que mantivo o equipo do conselleiro de medio rural e que mesmo tiveron que ser denunciadas ante a autoridade laboral o pasado venres 4 de setembro.
Declararon a necesidade de pór fin ao conflito, agora que o conselleiro do Medio Rural volveu ser confirmado no cargo, e expresaron a súa esperanza de que se convoque a mesa de negociación correspondente, a maior brevidade, para posibilitar un achegamento de posturas e canalizar unha saída pacífica a este conflito.
Con todo lembraron que durante este tempo a consellería non convocou nin unha soa xuntanza pondo como escusa a súa situación interina mentres non se constituíra o novo goberno autonómico. Por iso agora insistiron en que “agora non ten escusas”.
Nesta concentración participaron tan só 10 representantes do colectivo de técnicos/as, por mor das medidas anti-covid19 temporalmente vixentes no concello de Santiago. “E isto moi a pesar das gañas dos traballadores e traballadoras deste servizo de concentrarse masivamente nesta xornada, tras o éxito da anterior mobilización en Ourense hai unha semana, nun contexto no que unha ampla maioría de traballadores seguen exercendo desde o compromiso e a responsabilidade a súas funcións de coordinadores dos incendios forestais en toda Galicia”.
Mobilizacións
Entre tanto, manifestaron a súa intención de continuar coas mobilizacións previstas para os chamados “mércores verdes”. A seguinte está prevista para o día 16 de setembro, ás 11:00 horas, en Pontevedra, fronte a sede provincial da Xunta de Galicia, na rúa María Victoria Moreno, 43.