O persoal sanitario dos PACs de Galiza “en pé de guerra” inicia a folga
O persoal sanitario, médicos/as e enfermeiros/as de Galiza levan preto dun ano demandando máis persoal e unha mellora nas súas condicións laborais. Denuncian que na comisión técnica que accedeu a crear a administración, que leva xa 4 ou 5 xuntanzas desde o mes de marzo, o avance “é nulo”. Por iso acordaron dar un paso máis e convocar unha folga que se iniciou hoxe mesmo.
A folga afecta a todo o persoal estatutario das categorías de Medicina de Familia e de Enfermería que presta os seus servizos nos Puntos de Atención Continuada. Un colectivo que abrangue a uns 900 traballadores/as. Ademais da xornada deste martes, a folga está convocada tamén para os días 19, 23, 26 e 30 de outubro e os días 2, 6 e 9 de novembro, desde as 15:00 horas até as 8:00 h do día seguinte.
Esta primeira xornada comezou cunha numerosa concentración convocada diante da consellaría de Sanidade, en Compostela. No decurso da mesma representantes do colectivo e das organizacións sindicais entraron nas dependencias da consellaría para demandar unha xuntanza co conselleiro. Porén nin el, nin a directora de Recursos Humanos se atopaban alí nese intre.
Si conseguiron ser recibidos polo Director Xeral de Asistencia Sanitaria que se comprometeu a convocalos para unha próxima xuntanza na que se lles presentaría unha proposta. Xuntanza que este colectivo agarda que se convoque canto antes.
Demandas que consideran “básicas”
Demandan, entre outras cuestións, que haxa paridade no persoal sanitario, isto é, que haxa un/ha enfermeiro/a e un/ha médico/a traballando en cada PAC ou que os complementos de nocturnidade e festividade que teñen recoñecidos desde o ano 2008, e conxelados desde 2010, se desconxelen e se lles abone a integridade do salario ao que teñen dereito.
Xunto a isto exixen que non se lles penalicen as baixas ou permisos retribuídos, e non queden a deber horas ao sistema. A este respecto Elisa Ausín, do PAC de Vigo, que actuou como portavoz do colectivo, explicou, a modo de exemplo, que “pode morrer o teu pai e pides as horas ou días que che pertencen por ese motivo, e cando regresas tes que devolver as horas e non podes coller eses días de vacacións porque xa gozaches dun permiso que para outras categorías non ten ese tipo de peaxe. Iso non lle pasa a ningún/ha traballador/a”.
Demandan ademais, que nas quendas de 24 horas, domingos ou festivos que van traballar se lles aboe a comida e a cea ou algo tan simple como que se lles dote dos equipamentos axeitados. “Nós cando facemos o noso traballo na vía pública, moitas veces non temos a roupa axeitada para iso, como si teñen bombeiros, ou os compañeiros do 061, a policía. Non é de recibo que teñamos que estar na rúa con bata e zocos”, matizou .
Persoal
Para o colectivo, a cuestión da paridade é fundamental porque hai PACs nos que o persoal médico son dúas persoas, pero só hai unha persoa de enfermería. “Se ese/a enfermeiro/a é solicitado/a para traballar fóra do centro, o PAC queda atendido só por un médico. Hai veces que o traballo dun enfermo crítico ou dunha estabilización non a pode facer ese/a facultativo/a só”. Por iso defenden que o persoal de enfermería, que é o 50% do equipo, sexa o suficiente e denuncian que “iso está pasando na maior parte dos PACs de Galiza”.
A este respecto e lembrando o tráxico suceso da Estrada, a portavoz do colectivo denunciou non só a falta de persoal, senón tamén “a total falta de previsión”. Neste sentido asegurou que non existe ningún plan para facer fronte a esa situación co persoal que hai agora mesmo e que “a consellaría está improvisando todos os días”.
Ausín lembrou que “o que ocorreu na Estrada nós xa o advertimos”. De feito, este colectivo remitiu un escrito e medios de comunicación e consellaría hai meses, alertando que isto podería pasar, porque se estaban deixando descubertos nos PACs e “sabiamos que iso podía pasar en calquera momento”. Porén, denuncian que desde o SERGAS, no canto de adoptar medidas, o que se fixo foi acusalos de “causar alarma social”.
Xornada
Respecto da xornada reclaman que se mude o criterio de que “toda xornada traballada ten unha parte de ordinaria e outra de complementaria” e que se incorpore o que recolle a literalidade do acordado, separando a xornada ordinaria da complementaria e recoñecendo que a xornada complementaria é a realizada “por riba da acordada como ordinaria”.
Entenden que esta ordenación de xornada é fundamental para poder garantir a calidade asistencial nun dispositivo básico que ten que ofrecer atención continuada ás urxencias e emerxencias que se producen en calquera punto do noso territorio.
Denuncian, fronte a isto, a irresponsabilidade da dirección do SERGAS, prolongando a solución deste conflito, porque iso “non fai máis que poñer de manifesto a súa incapacidade para facer fronte aos desafíos asistenciais que temos por diante, uns relacionados coa nosa demografía e outros ocasionados pola xestión incompetente dos recursos humanos”.