O persoal pontevedrés de Linorsa mobilízase para esixirlle á empresa o pago dos salarios e das extras
(Imaxes das protestas en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía)
Un nutrido grupo de empregados/as de Linorsa na provincia de Pontevedra protagonizou hoxe unha intensa xornada de mobilizacións para reclamarlle á dirección que liquide as débedas pendentes co cadro de persoal.
Deste xeito, desenvolveron concentracións de protesta ás portas dos Xulgados de Vigo, diante do ambulatorio de Vilagarcía e no Príncipe Felipe e no centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra. No caso da cidade do Lérez, unha representación dos traballadores/as mantivo xuntanzas coa Deputación, co Concello e coa Xerencia do Sergas.
Ao igual que nas mobilizacións que tiveron lugar días atrás noutros puntos do país, nas protestas desta mañá tamén se berraron consignas reclamando o pago dos salarios e instando ás administracións públicas a rescindir os contratos de limpeza que manteñen coa empresa para que outras compañías poidan asumir os traballos.