O persoal de Bershka ratifica en asemblea seguir coa folga indefinida ante a proposta insuficiente da empresa
O cadro de persoal de Bershka na provincia de Pontevedra ratificou na asemblea celebrada este mércores continuar coa folga ao considerar insuficiente a proposta da empresa, que se nega a equiparar salarialmente as traballadoras/as pontevedresas coas da Coruña. Deste xeito, o paro indefinido chegou hoxe ao seu oitavo día cun seguimento do 100% e co peche das cinco tendas da provincia, mentres que este venres as empregadas/os volverán mobilizarse diante da sede de Inditex en Arteixo.
A decisión de seguir coa folga foi adoptada por unanimidade do persoal de Bershka na asemblea celebrada no local da CIG de Vigo, na que se analizou a proposta da empresa e se decidiron as próximas mobilizacións a desenvolver. As traballadoras/es consideran insuficiente a proposta económica de Bershka, que accedeu a abonarlles o plus de 80 euros do que gozan as súas compañeiras/os da Coruña pero non así o de 50 euros. Durante a negociación, a parte social amosouse disposta a rebaixar a cantidade á metade (25 euros) para desbloquear o conflito, máis a dirección ofreceu unicamente 10 euros.
Nas outras cuestións que se reclamaban (aumento do tempo de descanso, lactancia, vacacións, licenzas e permisos, incapacidade permamente, etc.) si que foi posíbel o acordo, pero as conversas roméronse ante a negativa da empresa a equiparar salarialmente ao persoal das distintas provincias. De feito, aínda non hai data para retomar os contactos, polo que as afectadas/os solicitaron a mediación do AGA.
Ao mesmo tempo, na asemblea as traballadoras/es tamén decidiron que volverán este venres día 3 a mobilizarse diante da sede central de Inditex, grupo téxtil ao que pertence Bershka, en Arteixo a partir das 12.00 horas.
O luns pasado xa se desprazaran até a localidade coruñesa para desenvolver unha concentración na empresa propiedade de Amancio Ortega, tras o que recibiron a chamada da dirección para manter unha xuntanza, que se celebrou ao día seguinte e que rematou sen acordo.