O persoal operador do 061 valora retomar as mobilizacións en demanda de que se paguen os incentivos adebedados
O persoal operador do 061 vén de anunciar que valora retomar as mobilizacións ante a redución dos incentivos, que pasaron dun 15% a un 10%, e a negativa de Grupo Norte e a Fundación 061 a facer efectiva a diferenza tal e como se comprometera hai máis dun ano. Demandan tamén que se apliquen as melloras sociais comprometidas, que Grupo Norte presentou para gañar o contrato, e que se manteña o complemento de destino para o persoal de substitución.
Segundo explican, o comité enviou á concesionaria varios correos-e solicitando unha comunicación formal en relación á cuestión dos incentivos e demandando información sobre a porcentaxe final relativa ao pagamento dos do actual semestre.
A decisión de volver a se mobilizar adoptouse logo de que a empresa concesionaria, Grupo Norte, recoñecera a súa intención de non asumir o pago dos que se lles adebedan de 2017, porque a Fundación Pública de Urxencias Sanitarias non lle fixo entrega da partida orzamentaria correspondente.
Xuízo pendente
Así as cousas, o xuízo que a representación das traballadoras e traballadores accedeu a aprazar por boa fe, a petición da Fundación 061 e Grupo Norte –e non estaba previsto que se dirimira a obriga de ambas as empresas a facer efectivo o pagamento dos incentivos- retómase e terá lugar en breve.
Ademais o comité acordou retomar as mobilizacións ao longo deste mes e volverán reclamar no AGA tanto isto como o complemento de destino para o persoal substituto; a adopción dunha orde de chamamentos á hora de contratar a este persoal e que se fagan efectivas as melloras sociais ofertadas por Grupo Norte nos pregos que nunca puxo a disposición do cadro de persoal.