O persoal non subrogado por Autos Morán esixe solucións urxentes tras superar os catro meses sen emprego
O persoal non subrogado pola UTE Autos Morán-Autocares Rodríguez Domínguez, procedente de Arriva Noroeste, continuou este mércores co calendario de mobilizacións en protesta pola situación que está a atravesar, superando xa os catro meses sen ocupación e salario. Desta volta, a concentración desenvolveuse diante do edificio da Xunta en Lugo para denunciar o incumprimento das garantías de subrogación comprometidas pola administración tras da folga do sector de Transporte, así como os incumprimentos das empresas demandadas.
A concentración retómase tras da suspensión, o pasado luns, dos primeiros xuízos por despedimento, ao requiriren as empresas achegar maior documentación e demandar da Xunta información que consideran necesaria. Unha manobra que os traballadores entenden só busca alongar a resolución xudicial do conflito.
"Non se comprende como é posíbel que á data dos xuízos as empresas non dispoñan da documentación axeitada e, en cambio, tiveran información suficiente para, con todo o descaro e sen vergoña, non asumir as súas obrigas co persoal, ao que non se lle está a garantir a súa subrogación e, en última instancia, os seus postos de traballo", critica o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López.
Neste marco, os traballadores consideran que á Consellaría de Infraestruturas ábreselle unha nova oportunidade para demostrar "que realmente ten interese en buscar unha solución para o persoal non subrogado e manter deste xeito as garantías comprometidas nos pregos de condicións" dos contratos do transporte de viaxeiros/as por estrada.
O venres haberá novos xuízos
Na mobilización deste mércores, o persoal denunciou novamente o abuso de ambas empresas non asumindo a subrogación e incluso tratando de burlar os procesos xudiciais. O próximo venres día 15 están previstos novos xuízos e, no caso de suspendérense, os traballadores xa anunciaron que se concentrarán diante da Xunta para esixir que actúe e tome medidas necesarias para garantir as cláusulas laborais do Plan de Transportes.
A este respecto, López sinalou que a vía xudicial abre a posibilidade da perda definitiva dos postos de traballo, polo que se insistirá "na nulidade dos procesos derivados de non teren asumido ningunha das empresas incumpridoras (Autos Morán e Arriva) a subrogación do persoal". Para a FGAMT-CIG as actitudes das empresas "son unha cortina de fume" para evitar a asunción de responsabilidades, pois cómpre lembrar que os traballadores afectados superan xa os 4 meses sen ocupación e salario.