O persoal non subrogado da liña do aeroporto de Santiago reclama recuperar os seus postos de traballo
Traballadoras/es e veciños de Lavacolla concentráronse esta mañá ás portas do Pazo de Raxoi, na Praza do Obradoiro, coincidindo coa celebración do pleno municipal, para demandar unha solución para o persoal da liña de transporte do aeroporto que non foi subrogados. David Rouco, un dos 8 condutores afectados, interveu no pleno en representación de todo o colectivo onde apuntou ao Concello como “único responsable desta desfeita polas súas sucesivas decisións políticas” e demandou que se acorde “unha vía inmediata que garanta un servizo de calidade e a nosa continuidade nos postos de traballo”.
Na súa intervención Rouco lembrou como, da noite para mañá, este grupo de traballadores quedou “sen traballo e sen sustento”, xa que “nin sequera podemos cobrar o desemprego porque a que era a nosa empresa aínda hoxe se nega a entregarnos a documentación para tramitar as prestacións”.
Lembrou que no ano 2018 o Concello de Santiago decidiu solicitar a xestión da liña Santiago-Aeroporto, até ese momento de competencia autonómica, e que a Consellería accedeu. “Foi unha decisión entre administracións na que non entramos”, dixo. “Supoñemos que se querería dar un mellor servizo aos veciños e veciñas e usuarios do aeroporto, pero non entendemos porque iso nos custou perder o noso medio de vida precisamente neste momento tan complicado”.
O representante do colectivo explicou ademais que o Concello de Santiago, ao asumir a responsabilidade da xestion desta liña e, polo tanto, tamén da continuidade dos contratos de traballo, “tiña que incluíla no novo prego de condicións do concurso do transporte urbano”, pero que “en todo este tempo, aínda non foi quen de realizar a súa licitación pública”.
Rouco lembrou tamén que o propio alcalde recoñecera públicamente, en xuño de 2019, que se recibira unha comunicación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na que se informaba, entre outras cousas, da obrigatoriedade da subrogación do persoal. Xunto a isto asegurou que “entre xaneiro e febreiro de 2020 da propia xerencia de TUSSA se realizaron xestións cos sindicatos e máis persoalmente cos propios traballadores para coñecer quen éramos os conductores, porque a empresa non facilitara aínda os listados”.
Unha situación anunciada
Por iso considerou que agora o concello non pode dicir que foi algo “co que non se contaba xa que todo o mundo sabía que nos pregos do novo Plan de Transportes da Consellería xa non ía estar contemplada a nosa liña -non podía contemplarse porque agora era de xestión municipal- nin os nosos postos de traballo”.
O representante dos traballadores e da veciñanza afectada lembrou que desde setembro do ano pasado xa estaba anunciado que o 22 de decembro sería o último día da concesión anterior e que, en todo ese tempo, “nada soubemos e con nós ninguén falou, nin da Empresa Freire, nin da concellaría de Mobilidade ou de TUSSA”, “que menos, preguntámonos, que ante a situación de non ter licitado a tempo, que en calquera das solucións alternativas se tivera contado con que había 8 familias que tiñan nisto o seu medio de vida, algúns desde hai máis de 25 anos”, lamentou.
Asegurou que logo souberon que a Xunta de Goberno local ordenara á concesionaria do transporte colectivo urbano de viaxeiros/as (a UTE TRALUSA, do Grupo Monbus) facerse cargo deste servizo, integrándoo na liña 6. “Pero nin unha palabra sobre os conductores que o realizabamos, desentendéndose completamente de nós”.
Segundo explicou, foi o día 22 de decembro cando Freire entregou un escrito a estes traballadores informando que a empresa non seguiría, que serían subrogados para Tralusa e que tiñan que presentarse nas súas instalacións ao día seguinte. “Presentámonos, pero o que nos dixeron foi que alí non pintabamos nada e convidáronnos a marchar, aínda que cando menos outros tantos conductores foron contratados para facer o servizo”.
Así as cousas, David Rouco relatou como, na véspera da Noiteboa “tivemos que chegar antes da hora ás nosas casas e explicarlles ás nosas familias que quedáramos na rúa dunha maneira tan triste como incomprensible. Non vou contar que festas de nadal pasamos pero xa o poden imaxinar”.
Por iso, en nome de todos os seus compañeiros reclamou cordura e que “a falta de sensibilidade social que se amosou até o de agora se transforme na busca de solucións para nós, para os veciños e veciñas de Lavacolla e para usuarios e usuarias do aeroporto, que agora contan cun servizo claramente peor”.