O persoal Linorsa en Lugo acorda ir á folga indefinida para esixir o cobro dos seus salarios
A convocatoria da folga vén motivada polos continuados impagos de salarios desta empresa coas súas traballadoras e traballadores, a quen nestes momentos adebeda o 50% do salario de decembro e as nóminas de febreiro e marzo. Ademais, ten pendente de ingresar a paga extraordinaria de nadal ao persoal que non a ten prorrateada,
Xunto a isto, subliñan as centrais sindicais, as perspectivas de que Linorsa vaia paga o mes de abril son escasas, “polo que a débeda xa anda nos 4 meses de salario”.
Dende as centrais sindicais sinalaba que folga ten carácter indefinido e manterase “mentres non se rescindan os servizos que presta esta empresa, na súa maioría do sector público, como son a Residencia das Gándaras, o CAM de Sarria e o Sergas”. Linorsa tamén presta servizos no sector privado en oficinas, comunidades de veciños/as, etc.
No conxunto da provincia de Lugo, son preto de cen traballadoras e traballadores de Linorsa os afectados por esta situación.
Reiterados incumprimentos
A conflitividade na empresa por mor dos incumprimentos das súas abrigas salariais e laborais co persoal comezou hai arredor de 18 meses “e desde entón foron reiteradas, primeiro con carácter alterno e desde decembro con carácter continuado”, denuncian.
Desde as organizacións sindicais témese que a situación económica da empresa poida motivar a súa entrada en concurso de acredores, xa que, ao parecer, acumula unha importante débeda coa Axencia Tributaria.
Desde as tres centrais sindicais tamén se esixiu da Xunta de Galiza “que rescinda os contratos que ten en activo con esta empresa (e que no caso dos xulgados cesaron no servizo o día 1 de abril), así como que reteña as fianzas que a empresa depositara no seu momento, para que as mesmas sexan utilizadas para o pago de salarios ás traballadoras e traballadores”.