O persoal investigador mobilízase contra a reforma da Lei da Ciencia

Nega os seus dereitos laborais e non recoñece a carreira profesional para todos/as
Nacional - 15 Abr 2021

Investigadores e investigadoras mobilizáronse este xoves en Compostela, baixo o lema “Non a esta Reforma da Lei da Ciencia!” para denunciar que a modificación prevista na lei non resolve os problemas de envellecemento e precariedade deste colectivo. Consideran que nega os seus dereitos laborais e non recoñece sequera a carreira profesional para o conxunto das escalas dos distintos sectores.

O pasado 31 de marzo o Consello de Ministros e Ministras aprobada o proxecto de reforma da Lei da Ciencia. Un borrador que, segundo explica a investigadora Paula Cerezo, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, non atende ás demandas históricas do colectivo.

Cerezo sinala que con esta mobilización queren denunciar os baixos salarios que “en moitos casos non teñen actualización nunca” e que están “moi por debaixo dos doutros colectivos que teñen titulacións iguais ou mesmo menores”.

A investigadora afirma que “estamos en pé de guerra porque con esta lei perpetúase a inestabilidade”. Nese sentido asegura que “parece que tes que estar sempre loitando polo posto de traballo”, ademais de “buscar financiamento para os proxectos e facer un traballo de investigación de excelencia”.

Tenure-track

Asegura que esa inestabilidade laboral queda perpetuada coa introdución dunha nova modalidade de contratación chamada “tenure track”, que leva aparellado un contrato en prácticas, durante 5 anos, para persoal investigador que xa ten unha carreira detrás. “Pasado ese tempo teñen que ser novamente avaliadas. A idea é que a partir de aí haxa unha estabilización, pero non é seguro, porque depende da situación e de se hai financiamento”.

Xunto a isto denuncia que, “logo dese contrato que se supón de excelencia vas á rúa sen indemnización nin nada”. E engade que

Entende que é tremendamente inxusto que ao persoal investigador se lle poida facer contrato en prácticas durante 5 anos, cando “estamos falando de persoas que teñen licenciaturas, doutorados, 4 ou 5 anos de postdoutorado no estranxeiro e publicacións de excelencia”. Unha situación que “non se dá en ningún outro sector porque está moi por riba do que recolle o Estatuto das e dos Traballadores”, di.

Para o colectivo é inasumible que unha persoa que se dedica á investigación poida chegar aos 40 ou 50 anos sen ter un traballo estable. “Non podes tes unha hipoteca, nin planificar a túa vida”, asegura. Unha situación que acaba levando ás investigadoras/es a buscar unha alternativa fóra de Galiza para garantir unhas condicións dignas.

Na reforma tampouco se contempla a carreira profesional para tecnólogos/as e xestores/as. Un persoal que “é igual de importante que o investigador”, salienta Paula Cerezo.

Modelo de investigación

O problema do que deriva esta situación  é do propio modelo de investigación científica do Estado español. Un modelo que a lei non modifica e que fai depender do financiamento privado as liñas de investigación das e dos científicos.

Galiza só destina un 0,94 do seu PIB a investigación e desenvolvemento, mentres que no conxunto de Estado español está no 1,24%. En ambos os casos moi lonxe da media europea, que se sitúa no 2,11%. Paula Cerezo considera que isto pon de manifesto a errada concepción do goberno galego, que nin valora a importancia da investigación na xeración de coñecemento como ben social, nin avalía axeitadamente a relevancia estratéxica que ten para modernizar o país.