
O persoal galego do 112 clama pola xestión pública do teléfono de atención a emerxencias

O persoal galego do teléfono de atención a emerxencias 112 desenvolveu hoxe unha concentración diante da central da Estrada para demandar a xestión pública do servizo, coincidindo co Día Europeo do 112. A mobilización, que se tivo lugar no cambio de quenda de 14:30 a 15:00 horas, fai parte da iniciativa adoptada a nivel estatal pola representación sindical de boa parte das comunidades autónomas tras o acontecido durante a dana para denunciar que as emerxencias “non son un negocio”. Paralelamente celebrouse unha manifestación en Valencia na que participou persoal do 112 de todo o Estado.

Dende o comité do 112 en Galiza sinalan que o servizo no noso país está privatizado e xestionado por unha empresa que non é galega e que non ten experiencia en emerxencias.
“A Xunta saca a concurso o servizo por máis de sete millóns de euros, e a empresa quédase cunha porcentaxe de beneficio xa fixada nas plicas. Ademais, ao tratarse dun concurso público hai que pagar o correspondente IVE, mentres que se o servizo estivera internalizado non habería que abonar esa cantidade a maiores”.
Lembran que a empresa é unha “mera intermediaria” entre a Administración e o persoal: recibe o diñeiro público, quédase cunha parte e o resto é o que abona nas nóminas ao persoal; mais o edificio no que se atopa a central pertence á Xunta, igual que todo o material. E os protocolos e ordes son emitidas directamente pola Administración. “A empresa actúa sempre buscando o lucro, non pensa no servizo nin nos profesionais que traballamos alí”.
Con este modelo de xestión, se a compañía decidira despedir a todo o persoal o servizo veríase gravemente prexudicado porque se trata dun traballo moi específico que precisa de ampla formación e experiencia. “Formación que se leva a cabo dende a propia Xunta e experiencia que necesita de anos de traballo atendendo as emerxencias dende o teléfono”.

Manifestación estatal en Valencia
Tras o acontecido durante a xestión da dana na Comunitat Valenciana e Castela-A Mancha os comités da maioría das comunidades decidiron promover accións conxuntas para esixir a xestión pública directa do 112. Comezando por manter xuntanzas para coordinar a representación sindical e convocando unha manifestación en Valencia.
No caso galego optouse por desenvolver unha concentración para demandar a profesionalización do posto de traballo: “Que nos recoñezan como corpo especializado, valorando a antigüidade, coidando o persoal traballador e prevendo o seu esgotamento físico, mental e emocional mediante un apoio psicolóxico sistematizado e unhas condicións laborais adecuadas”, rematan.