O persoal facultativo de PAC reclama a homologación como especialistas de urxencias e emerxencias
O colectivo de médicas e médicos de Puntos de Atención Continuada (PAC) está solicitando, de xeito escalonado durante esta semana, a certificación do SERGAS na que constan os servizos prestados nos distintos rexistros do Servizo Galego de Saúde, para demandar ante o Ministerio a súa homologación ao novo título de Medicina de Urxencias e Emerxencias. Con este motivo fixeron esta mañá, en Vigo, un acto simbólico de entrega conxunta destes documentos.
Este colectivo, malia realizar funcións compartidas con outros dispositivos de urxencias, e máis concretamente das urxencias extrahospitalarias, é excluído neste R.D., limitando nun futuro a súa posibilidade de mobilización a outros dispositivos que van requirir a nova titulación.
A CIG-Saúde lembra que os PAC forman parte do Plan de Urxencias Extrahospitalarias de Galiza, realizando atención urxente de primeiro nivel e que o persoal de PAC medicaliza en torno ao 80% das atencións Urxentes do 061.
Esta exclusión supón que non poden descargar, a través das aplicacións de xestión de persoal do SERGAS, os certificados que constatan os servizos prestados polo que se vén obrigados a solicitalo por rexistro.
A CIG-Saúde entende que esta Disposición Transitoria do RD 610/2024 é “discriminatoria” xa que permite que o persoal co título de Medicina Familiar e Comunitaria que teña servizos prestados nos servizos de urxencias hospitalarias e nos centros de emerxencias (en Galiza sería o 061) poida solicitar a homologación do novo título de Medicina de Urxencias e Emerxencias, deixando fóra ao persoal médico de PAC que ten servizos prestados en urxencias extra hospitalarias.
Recurso da CIG-Saúde
Ante isto, CIG-Saúde ten presentado recurso diante do Tribunal Supremo contra a Disposición Transitoria Primeira do Real Decreto 610/2024, de 2 de xullo, que establece o título de Médica/o Especialista en Medicina de Urxencias e Emerxencias e actualiza diversos aspectos na formación do título de Médica/o Especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, publicado no BOE do 3 de xullo de 2024.
A reclamación baséase en que, malia ter funcións compartidas con outros dispositivos de urxencias extra hospitalarias, que si poden solicitar a especialidade (persoal médico asistencial 061, outros dispositivos asistenciais noutros servizos de saúde), o persoal médico dos PACs queda excluído.