O persoal en folga dos centros socioculturais de Santiago denuncia prácticas de esquirolaxe
O persoal da rede de centros socioculturais de Santiago, en folga indefinida para que se respecten os seus dereitos e que as empresas adxudicatarias manteñan o convenio propio tanto para as vellas como para as novas contratacións, continuaron este martes as mobilizacións para demandar a implicación do Concello de Santiago neste conflito.
O persoal denuncia ademais que están a detectar unha chea de irregularidades por parte do Goberno municipal no desenvolvemento da folga, que está a vulnerar o exercicio deste dereito fundamental ao pretender substituír as traballadoras e traballadores que fan o paro.
Anomalías no servizo
Neste senso, o colectivo explica nun comunicado que tres campamentos seguen funcionando con aparente normalidade, cando "isto non é certo". Sinalan que máis do 50% do cadro de persoal está secundando a folga "e puidemos comprobar como día tras día, se repiten anomalías no servizo". Unhas anomalías que foron trasladadas no pleno municipal do pasado venres por CA e o BNG sen que o concelleiro de área, Javier Fernández, "ofrecera unha resposta razoábel".
A este respecto, o persoal en folga critica que en vez de recibilo e dar solucións ás súas lexítimas demandas, o concelleiro limitouse a felicitar ao persoal que non secunda o paro no servizo, "desprezando e ameazando a máis do 50% das traballadoras e traballadores que si están secundando a folga".
Sobre esta cuestión, reiteran os intentos de esquirolaxe por parte do Concello, e denuncian que xa antes do inicio da folga o día 14 había conserxes recepcionando crianzas naqueles centros nos que non había monitorado, "o que supón unha cesión ilegal entre empresas e unha usurpación de funcións do monitorado en folga, é dicir, un atentado contra o dereito á folga".
Ademais, critican que se dan casos de persoal funcionario que ten as crianzas nas súas oficinas en horarios nos que o monitorado encargado desta función secunda a folga. Práctica que constitúe outra cesión ilegal, posto que as traballadoras/es municipais "non poder facer de monitoras nin recepcionar as crianzas" e unha cobertura ilegal dos postos e funcións das persoas en folga.
Isto acontece, alerta o persoal en folga, co beneplácito do concelleiro responsábel "que se dedica a andar polos centros para facer contrapiquete e meter as crianzas, pola súa man, nos centros, aínda sabendo que non hai persoal cualificado que as atenda nese momento".
Xunto a isto, o colectivo en folga denuncia que hai máis crianzas das debidas por monitora "a pesar de que desde o Concello insisten en que se cumpren as ratios" e que hai máis persoal en prácticas do que permite a lei por número de monitorado ao estar este facendo folga". Por se non fora abondo, denuncian que se rexistran "constantes chamadas á policía local e nacional para amedrentar e desmobilizar a quen está secundando a folga".
Diante deste cúmulo de despropósitos e irregularidades, as traballadoras e traballadores advirten que continuarán adiante coas súas lexítimas demandas e por iso seguirán mobilizándose e saíndo a rúa "porque o persoal dos centros socioculturais está canso, enfadado e decepcionado cun Goberno municipal que nin nos escoita nin nos recibe, así que seguiremos adiante".