O persoal dos organismos públicos de investigación internacionais é “na súa maioría ou todo funcionario”
A CIG-Saúde vén de dirixirse, por escrito, ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, e máis ao Director Xeral de Función Pública, José M. Barreiro, para manifestar a súa sorpresa diante do feito de que se negociara na Mesa sectorial de Función Pública e non na Mesa sectorial de Sanidade o decreto polo que se define a modalidade contractual do persoal investigador en materia de saúde. A secretaria nacional, María Xosé Abuín, asegura que "desde a creación do SERGAS, non existen precedentes de que un tema de negociación do ámbito sanitario, se negocie fóra da mesa sectorial”.
A CIG-Saúde lembra que desde a creación da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde vén demandando “que se cumpran os compromisos de estabilidade co persoal con dedicación exclusiva á investigación biomédica” e que xa, no seu momento, se solicitou que na mesa sectorial se negociase a categoría estatutaria de persoal investigador. Por iso considera sorprendente que se trasladara o ámbito de negociación e o que é peor, que se ratifique hoxe un decreto que segue sen lle garantir a estabilidade a este persoal.
Por iso, a CIG-Saúde solicitou, na Mesa Xeral de Negociación do pasado mércores, a retirada deste decreto do persoal investigador do ámbito sanitario, e a súa negociación no ámbito da mesa sectorial do SERGAS, tal e como se contempla no Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, na Lei de Saúde de Galiza ou na Lei de Ciencia e a Lei de Fomento da Investigación.
Garantir a estabilidade
Abuín sinala que a CIG-Saúde xa denunciou en reiteradas ocasións a situación de inestabilidade laboral do persoal investigador na sanidade pública galega e reclamou que se garantira o seu dereito á estabilidade nos seus postos de traballo, fronte á situación na que os deixa este decreto que os deixa de novo na indefinición laboral. “Isto tamén pon en perigo a propia continuidade dos proxectos de investigación deste persoal”, denuncia Abuín.
A secretaria nacional da CIG-Saúde contradí as afirmacións da Xunta de Galiza segundo as que a única vía laboral posíbel para a incorporación de persoal investigador á Axencia é o contrato en réxime laboral. Diante disto afirma que “a opción estatutaria debería ser a opción preferente e preferida para a vinculación deste persoal, o que garantiría por unha banda, a súa continuidade nos seus postos de investigación e, pola outra, a continuidade dos proxectos”.
Grupo de investigadores/as do Programa Miguel Servet
No mesmo sentido se pronuncia o grupo de traballo de investigadores/as do Programa Miguel Servet que recolle exemplos claros que contradín a modalidade contractual que a Xunta de Galiza considera como única posíbel.
A este respecto sinalan que o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que é o principal Organismo Público de Investigación do Estado español, “conta con 14.144 traballadores/as, dos que 4.382 son Doutores/as Científicos/as” e que “máis da metade son senior con praza de funcionario/a, o resto contratados/as post-doutorais e Ramón y Cajal, e 3.116 son investigadores/as en formación”.
A isto engade que noutros organismos públicos de investigación como o Centro de Investigacións Enerxéticas, Medioambientais e Tecnolóxicas (CIEMAT), o Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA), o Instituto Español de Oceanografía (IEO), o Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) ou o Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC), entre outros, “tamén son funcionarios”, ao igual que nas universidades e que “nos hospitais as/os investigadoras/es con actividade asistencias son persoal estatutario”.
Exemplo internacional
Ademais, María Xosé Abuín considera que “o PP, que sempre pide que se miren os exemplos doutros países, debe ter os ollos pechados para comparar cal é a situación do persoal investigador no ámbito internacional e cal queren impor aquí”.
A este respecto tamén se pronuncia o grupo de traballo das/os investigadoras/es do Programa Miguel Servet que afirma que o persoal investigador dos organismos públicos de investigación de países como Canadá, Australia, Finlandia, Italia, Francia ou do propio estado español son “na súa maioría ou todos funcionarias/os”.