O persoal dos comedores de Inditex irá á folga para demandar condicións de traballo dignas
Os traballadores e as traballadoras do servizo de comedor do Grupo Inditex, adxudicado á empresa Sodexo, irán á folga o xoves 13 e o venres 14 de xaneiro en demanda dunhas condicións laborais e salariais dignas. A folga afectará ás máis de 150 persoas que traballan nos catro comedores de Inditex na provincia da Coruña: sede da Fundación, almacén de Zara Loxística, almacén da Laracha e instalacións de Inditex (Pull&Bear e Indipunt) en Narón.
Dende a entrada de Sodexo, explica a CIG-Servizos, as condicións de traballo nos comedores foron empeorando paulatinamente até o punto de que a empresa nin sequera paga os salarios segundo o establecido no convenio colectivo de aplicación e non substitúe as ausencias do persoal, xerando así unha sobrecarga de traballo insoportábel.
Pero ademais, Sodexo non retribúe a antigüidade, empeorou as condicións de traballo nos festivos, non mellora as escasas licenzas de convenio, rexeita reducir a xornada en función da idade e négase tamén a remunerar o traballo realizado na quenda de noite no comedor de Zara Loxística -o único no que se fan tres quendas-.
Por se non fose suficiente, a empresa aproveitou a situación de pandemia para afondar no deterioro das condicións de traballo e incrementar o seus beneficios, a conta de precarizar e espremer ao máximo os seus traballadores e traballadoras.
"O persoal do comedor da empresa máis importante deste país e onde come o home máis rico do Estado español, cobra un salario que non chega aos 900 euros e na maioría dos casos ten contrato a tempo parcial", denuncia Roberto Pérez, da CIG-Servizos da Coruña, quen apunta á responsabilidade de Inditex no proceso de intensificación da precariedade que se está a vivir nas súas auxiliares.
Hai uns meses, o persoal xa tivo que ameazar coa convocatoria dunha folga para lograr que a empresa sentara negociar unha mellora das condicións laborais e económicas. Pero ante a falta de avances e a postura inmobilista, acordouse convocar estas dúas xornadas de folga, que se agarda teñan un seguimento maioritario.
Apoio dos compañeiros e compañeiras
A loita dos traballadores e das traballadoras do comedor xa recibiu a solidariedade das distintas representacións sociais do persoal que traballa no almacén de Sabón (Arteixo): comité de Zara Loxística e de Servilimpsa e os delegados de Acciona e Veolia. Nun comunicado conxunto trasladan o apoia ás reivindicacións dos compañeiros/as de Sodexo e instan ao persoal tanto da principal como das auxiliares a facilitar o desenvolvemento da folga non facendo uso do comedor os días 13 e 14 de xaneiro. "
"Todos e todas traballamos para Inditex, a solidariedade e a unión son as que producen beneficios reais para a clase traballadora", sinálase no comunicado no que tamén se denuncia que non se pode aceptar que "no corazón de Inditex, outra multinacional explote os seus traballadores e traballadoras e reduza o dereito á negociación colectiva a ofrecer o que á empresa lle convén".
E lembran que os baixos salarios, os malos horarios, a escaseza de persoas, as dificultades para conciliar, a falta dunha política de prevención efectiva… "provocan ademais unha deterioración do servizo pola que leva tempo protestando".