O persoal dos centros socioculturais do Concello de Santiago denuncia as súas precarias condicións
O Comité de empresa de Arasti Barca, adxudicataria dos centros socioculturais dependentes do Concello de Santiago, compareceu este xoves en rolda de prensa para denunciar a precariedade que padecen as traballadoras e traballadores deste servizo e a situación na que os deixa o novo prego de contratación que afonda aínda máis esa precariedade ao non garantir todos os postos de traballo que actualmente existen e limitar as ampliacións de xornada”.
Xaime Bello, presidente do comité de Arasti Barca, explicou que a nova licitación do concello foi inicialmente publicada con abondosos erros que tiveron que ser subsanados a petición do propio persoal dos centros socioculturais. “Pedimos que cambiaran o ditado de subrogación, porque estaba desactualizado, e que corrixiran os erros de redacción nas plicas, porque poñían unhas cousas nun lado e outras noutro que estaban incorrectas”, explica.
O presidente do comité asegurou ademais que intentaron negociar outras cuestións pola situación de “desamparo” na que se atopaban os/as traballadores/as, como o feito de non se contemplar -“nin sequera figurar”- nos pregos, o persoal temporal. Un problema que consideran grave porque “se unha empresa non ten constancia deses traballadores non conta con eles, entón a nosa suposición é que están na rúa a día de hoxe”.
Os postos de traballo dos informáticos “no aire”
Bello denunciou tamén que os traballadores que están desempeñando, a día de hoxe, as funcións de informáticos tamén ven perigar o seu posto de traballo, porque “o concello obriga a subcontratar a outras empresas”. Unha nova situación que deixa a estes traballadores/as, segundo o presidente do comité, con só dúas opcións: facerse autónomos ou que a subcontrata nova decida collelos para prestar o servizo.
Isto supón para o comité de Arasti Barca deixar “á boa vontade da empresa que entre os nosos dereitos” e, no caso concreto das/os informáticas/os directamente “perda de dereitos, cando debería estar contemplada para eles/as a subrogación”.
Contratos temporais e a tempo parcial
As plicas tamén limitan as xornadas dos traballadores/as facendo que estean enmarcados/as nuns postos ríxidos, o que deixa ao persoal sen posibilidade de aumentar horas e de promocionar. “Encontrámonos con xente que ten 15, 18 ou 20 horas que non vai poder optar a máis, o cal nos parece bastante inxusto”.
Canto aos contratos hai un total de 68 traballadores dos que 18 son temporais. Deses, 7 son informáticos temporais que, serían os que estarían na rúa. A maioría teñen contratos a tempo parcial, cunha duración de tan só nove meses e moitos deles de 9 horas á semana. Isto evidencia, para Bello, “a precariedade laboral que está propoñendo este concello”.
Os propios traballadores/as demandan un mellor aproveitamento dos recursos humanos dispoñíbeis “xa que consideramos que non se están usando de xeito correcto”. Aseguran que as horas de atención “son insuficientes para cubrir todo o servizo” e consideran que iso afecta directamente aos usuarios.
Por iso demandaron que o persoal temporal apareza nos pregos e propoñen, no caso dos informáticos, un modelo mixto. “Entendemos que se subcontraten pero que se manteñan os postos de informática que están agora e cos dereitos que teñen”.
Exixen tamén que se elimine a limitación de promoción de todo o persoal e que poidan aumentar as súas horas para mellorar as condicións dos traballadores, “non empeoralas” e denuncian que nun concello como o de Compostela, “onde se di fomentar a participación cidadá dáse o paradoxo de que nesta licitación non se contou con ninguén que realmente coñeza o servizo, que somos os traballadores. En ningún momento se nos preguntou e cando quixemos participar non houbo posibilidade porque xa estaba pechada, non había forma de cambiala, aínda que se retrasou despois até que saíu”.
Xunto a isto, denunciaron que o novo prego non remedia situacións como o da cesión ilegal de traballadores que se está dando neste servizo, nin as grandes diferenzas que existen entre o persoal.
A este respecto, Aitor Sebio, representante da CIG-Servizos, sinalou que xa hai unha sentenza por cesión ilegal e “estamos seguros de que virán máis”. Responsabilizou desta situación tanto ao concello de Santiago como á empresa, porque Arasti Barca “non ten estrutura organizativa, non ten infraestrutura de ningún tipo nesta cidade”.
Remunicipalización do servizo
Considerou que se trata dunha empresa que viu a Compostela a recibir os cartos e que se vai, o que provocou, ao seu entender, “que se confundira totalmente o servizo e o persoal da empresa”. Por iso asegurou que “para isto non necesitamos a esta empresa nin a ningunha” e instou ao concello a estudar a remunicipalización do servizo, como está a facer con outros. Máis neste caso, no que os xulgados están dando a razón as traballadoras e traballadores porque “a confusión é total e algúns xa son traballadores/as do concello”.
Sebio concluíu que “caso máis evidente que este non sei se haberá en ningunha contrata do concello de Compostela ” e reiterou a incertidume que xeran os pregos, por non garantir todos os postos de traballo e impedir que o persoal mellore as súas condicións.
Por iso anunciou que xa teñen acordado iniciar mobilizacións de cara ó vindeiro curso cando se reanude o servizo ordinario, que se concretarán no mes de setembro.