O persoal do transporte urbano de Compostela demanda que se unifiquen as condicións laborais
Persoal do transporte urbano de Compostela concentrouse onte diante do concello, coincidindo coa celebración do pleno municipal, para demandar que no próximo concurso se inclúa unha cláusula pola que todas as contratacións de persoal que se fagan teñan as mesmas condicións laborais.
Segundo lembra o representante da FGAMT-CIG, Inácio Pavón, había un acordo co goberno municipal anterior para que se incluíra nas plicas esta cláusula “para que no caso de que quen gañara o concurso fose unha UTE as contratacións se fixesen por unha única razón social: ou ben pola UTE ou ben por unha das empresas”.
Javier Taboada, presidente do comité de empresa de TRALUSA, explica que agora mesmo TRALUSA está formada por TRAPSA e AULUSA e as contratacións fanse por TRALUSA ou AULUSA con condicións diferentes. “Emprégase AULUSA para aqueles traballadores/as que nunca alcanzan antigüidade. O grupo MONBUS ao que pertencen as dúas empresas vailles cambiando de contrato entre AULUSA, TRALUSA e Castromil, que tamén ten dúas liñas de transporte urbano”.
Dese xeito, afirma Taboada, “nunca alcanzan antigüidade abondo como para ter un contrato indefinido condenándoos a unha situación de precariedade permanente, a ter que aceptar horas extra obrigatorias e por debaixo do prezo de convenio. Hai persoal que botou así ata 14 anos nesta situación”.
Condicións diferentes e incumprimento do convenio
A maiores hai outras 5 empresas (Autocares Rías Baixas, Empresa Freire, Autos Grabanxa, Hermanos Ferrín, AUCASA) que tamén teñen algunha liña de transporte urbano que no próximo concurso se terán que unificar. “En todas elas as condicións de traballo son diferentes e agás algunha excepción incumpren o convenio colectivo”, subliña Pavón.
Dáse a circunstancia ademais de que o concurso do transporte urbano está caducado desde 2015 “o que provocou que estas diferentes e abusivas condicións de traballo se mantiveran no tempo”, di o representante da FGAMT-CIG.
O que o comité de empresa de TRALUSA, que é na que traballa o groso do persoal, vén demandando desde hai anos é “que se faga toda a contratación nunha única empresa ou que no caso de que quen gañe o concurso sexa unha UTE sexa unha das empresas da UTE todas as contratacións se fagan nunha única razón social e isto que se incluíra nos pregos de condicións”, apunta o seu presidente.
Xuntanza co concello
Taboada indica que coa anterior corporación municipal chegárase a un compromiso para que fose así, pero os pregos non chegaron a publicarse nesa lexislatura. Lembra que co cambio de goberno, a representación sindical, tentou en múltiples ocasión reunirse con representantes do concello para saber se se mantiña ese compromiso “sen éxito algún”.
Logo de reunirse con todos os grupos municipais, o pasado mes de setembro houbo unha reunión co concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños, na que se comprometeu a estudar esta demanda e a dar unha contestación que a día de hoxe aínda non se recibiu.
Por iso onte, coincidindo coa celebración do pleno municipal no que ademais Compostela Aberta facía unha pregunta sobre esta cuestión, unha representación de traballadores de todas as empresas implicadas concentráronse diante do Pazo de Raxoi en demanda de condicións laborais únicas para todo o transporte urbano.
Diálogo social previo
Para Pavón “non se entende como uns representantes públicos, cando na nova lei de contratos non só non se impide senón que se recomenda o diálogo social previo, andan escapando dos representantes dos traballadores”. Ao seu entender o lóxico sería que primeiro escoitaran as demandas dos representantes do sector e que despois trasladaran aos técnicos as condicións a incluír nos pregos. “Isto, que se fai con total normalidade noutras institucións, parece que no concello de Santiago está vetado”.
O comité de empresa responsabiliza ao goberno municipal de ser “cómplice nunha situación de abuso laboral por non poñer as medidas necesarias para evitalo e ademais teñen custe cero para as arcas municipais”.
Pavón advirte que “aínda estamos a tempo de facer as cousas ben” para que non ocorra o mesmo que pasou no transporte interurbano no cal algunha concesión gañouna unha UTE que dividiu ao persoal até en 12 empresas, motivo polo que agora teñen unha folga convocada. “Algo que podería ocorrer tamén en Compostela de non se prever e evitar esta situación impedindo que se divida o persoal en diferentes empresas nos pregos de condicións”, conclúe.