
O persoal do transporte sanitario non urxente de Santiago-Barbanza advirte da situación crítica do servizo pola falta de medios

O colectivo de traballadores e traballadoras do transporte sanitario non urxente da Área Sanitaria de Santiago-Barbanza quere denunciar publicamente a crítica situación que sofre este servizo esencial, provocada pola falta de medios humanos e materiais, así como polo incremento constante de servizos sen un reforzo proporcional dos recursos.
O comité de empresa (con representación única da CIG) critica o abandono e a falta de resposta do SERGAS, a pesar de térselle trasladado en numerosas ocasións as deficiencias no servizo e os riscos que conleva tanto para o persoal traballador como para as persoas usuarias. O transporte sanitario non urxente de Santiago-Barbanza está adxudicado a unha UTE formada por Servizos Sanitarios do Cantábrico SL e Ambulancias Casablanca SL e hai un ano xa se produciu un conflito laboral polos incumprimento patronais.
Déficit de vehículos, de material e de persoal
Sobre as deficiencias no servizo, o persoal sinala que levan anos prestando o servizo sen contar co número suficiente de ambulancias nin co material necesario. Esta infradotación afecta directamente á calidade da atención que se presta, provocando demoras inaceptábeis nos traslados de doentes “que teñen que agardar innecesariamente”. Pero repercute tamén na saúde laboral dos e das traballadoras “que temos que dar a cara fronte ás persoas usuarias, recibindo as súas queixas e a frustración, cando en realidade somos as principais vítimas da falta de previsión e recursos por parte do SERGAS”.
A isto súmase o incremento desmesurado da carga de traballo sen que vaia acompañado dun reforzo de efectivos, obrigando a realizar sobreesforzos físicos constantes que derivan en lesións e enfermidades laborais graves. “Temos xa compañeiros con incapacidades permanentes con pouco máis de 40 anos, e pensións reducidas, consecuencia directa das condicións laborais precarias que soportamos”, alerta Xesús Abades, presidente do comité.
Ademais, á diferenza do transporte urxente no que os traslados se realizan en parellas, nos servizos non urxentes “tócanos facer o mesmo traballo en solitario”, incluídos os traslados de altas hospitalarias “o que supón un risco evidente tanto para a persoa doente como para a traballadora”.
Falta de resposta institucional
O comité lamenta que o deterioro do servizo prosiga “malia a nosa profesionalidade, o noso compromiso e as múltiples reunións que mantivemos co SERGAS, que non serviron para solucionar os problemas e garantir un servizo digno”.
Por iso, ante o “pasotismo da administración”, nos próximos días realizaranse asembleas de persoal para definir as mobilizacións en resposta a esta situación e reclamar o aumento urxente de ambulancias e das dotacións necesarias, o reforzo do persoal para garantir a seguridade dos traballos, a equiparación coas condicións do transporte urxente e a mellora das condicións laborais para evitar máis incapacidades.