O persoal do transporte sanitario non urxente de Pontevedra mobilízase contra os incumprimentos da empresa

Este luns concentráronse no hospital provincial e xa avanzan que irán á folga en setembro se a concesionaria segue sen atender as demandas
Pontevedra - 28 Xul 2025

O persoal do transporte sanitario non urxente de Pontevedra-O Salnés iniciou este luns mobilizacións en resposta aos reiterados incumprimentos laborais e dos pregos da empresa concesionaria, Ambulancias Pontevedra. A protesta repetirase o vindeiro venres 1 de agosto, diante do Hospital Provincial e, de non producírense avances, os traballadores e traballadoras xa acordaron intensificar as medidas de presión cara ao mes de setembro coa convocatoria de tres xornadas de folga.

Os problemas, explica a secretaria comarcal da FGAMT-CIG, Cecilia Tarela, véñense arrastrando dende que esta empresa accedeu ao servizo de transporte programado xa que non quería respectar os acordos extraconvenio pactados coas anteriores concesionarias. Pero agora ademais, sinala, “a empresa comezou a pór problemas coas licencias retribuídas” e de maneira unilateral non está respectando os cadrantes asinados co persoal.

Isto súmase ás malas condicións nas que se atopa a base de Marcón que xa foron denunciadas na Inspección de Traballo sen que Ambulancias Pontevedra fixera nada para corrixir as eivas e o deficiente mantemento que presentan algúns vehículos. “Hai ambulancias que están sen aire acondicionado e neste días de calor chéganse a acadar até 38º dentro dos vehículos”, denuncia. Unha situación que afecta non só ao persoal, senón tamén ás persoas usuarias do transporte sanitario programado.

Tarela engade que, a principios deste mes, a representación do persoal mantivo unha reunión coa dirección na que se lle expuxeron dez puntos “para intentar chegar a algún acordo pero a empresa negouse a tratar nada”. Entre outras cuestións, reclámanse que se respecten os cadrantes, as licencias retribuídas, o plus de transporte, melloras nas ambulancias ou a adecuación das condicións da base.

Subliña que a Xerencia da EOXI é coñecedora das problemáticas que hai no servizo polo que insta a administración sanitaria a garantir que se respectan os dereitos laborais e salariais, como as condicións do concurso de adxudicación.