O persoal do transporte de residuos de Sogama manterá as protestas mentres non se concrete a oferta da nova empresa
No comunicado remitido pola asemblea de traballadores/as de Transporte Pellejero e Hijos SL (até agora concesionaria do servizo) e as centrais sindicais con representación, CIG e CCOO, indícase que na reunión –que foi posíbel pola mediación do Consello Galego de Relacións Laborais- Copasa presentou unha proposta que inclúe a recolocación de 54 condutores e condutoras con contrato indefinido e un salario similar ao do convenio da Coruña, a pesar de que esta empresa aplica un convenio propio moi inferior.
Aínda así, aclárase “isto supón unha merma económica importante para o persoal, porque ademais de eliminar a antigüidade, exclúe un plus que viñan cobrando en Transportes Pellejero para compensar as características especiais deste servizo”.
Ademais, como a empresa non acepta presentar por escrito a proposta, decidiuse non suspender ningunha das medidas de presión até que se asinen os contratos. Deste xeito, mantéñense as concentracións diarias na planta de Sogama e a manifestación prevista para o próximo domingo ás 13h en Ordes.
En canto á folga tamén se acordou non desconvocala “até que non se fagan efectivas as sinaturas dos contratos”. “Só a presión dos traballadores e traballadoras e os múltiples apoios recibidos nestes días tan duros permitiron que se abrira a posibilidade dunha solución que faga posíbel que non se perdan os postos de traballo e se melloren as condicións iniciais de contratación pretendidas pola UTE de Copasa e por Sogama”, afirman.
Responsabilidade de Sogama, a Xunta e o PP
No seu comunicado, a asemblea de traballadores e traballadoras responsabiliza a Sogama, a Xunta e o PP de verse na situación de ter que aceptar esta chantaxe, “ao ter permitido que unha empresa faga negocio con diñeiro público a conta do seu sustento e pretendera precarizar as súas condicións de traballo dunha maneira tan brutal”.
De igual xeito, acusan a Sogama, a través do seu presidente, Javier Domínguez Lino, de mentir publicamente ao afirmar que non se podía incluír a subrogación nas plicas ou que os traballadores/as pretendían manter o transporte por estrada fronte ao tren, co único obxectivo de “desprestixiar as lexítimas reclamacións do cadro de persoal”,.
A este respecto, Inácio Pavón, representante da FGAMT-CIG, apunta que actualmente é imposíbel por falla de infraestruturas que se poda realizar o transporte por tren nas porcentaxes das que Sogama fala, “polo que o traballo durante bastante tempo vai ser basicamente o mesmo e niso ningunha responsabilidade teñen os traballadores e traballadoras”.
Chamamento a secundar a manifestación do domingo en Ordes
Finalmente a asemblea fixo un chamamento aos veciños e veciñas dos concellos da mancomunidade de Ordes-Cerceda e da área de Santiago a participar na manifestación do domingo 21, ás 13h ,con saída da Alameda de Ordes.
“Tamén a non baixar a garda até que non se concrete a solución a este conflito e para que ninguén máis se teña que ver nunha situación como esta porque haxa quen queira facer negocios cos cartos públicos a conta das condicións de vida dos traballadores e traballadoras”, conclúen.