O persoal do servizo de socorrismo do Concello de Vigo, en loita por unhas condicións laborais dignas
O cadro de persoal de Móvete Servicios de Ocio y Deporte, concesionaria do servizo de socorrismo, salvamento e accesibilidade de praias do Concello de Vigo, mobilizouse este sábado en Samil para reclamar unhas condicións laborais dignas e denunciar os incumprimentos da empresa, tanto do convenio colectivo de Instalacións Deportivas e Ximnasios como do prego de condicións do concurso de adxudicación.
Os traballadores/as de Móvete optaron por mobilizarse ante a falta de resposta da dirección ás súas demandas, o que motivou a presentación dunha denuncia diante da Inspección de Traballo. En concreto, sinalan que a compañía non respecta os descansos ao non permitir librar dous días consecutivos “e incluso hai empregados/as que non libran nin unha soa fin de semana ao mes”. Tampouco facilita EPIs en condicións (tallas máis grandes e roupa usada en mal estado).
Outros incumprimentos teñen que ver coa conciliación laboral e familiar, que a empresa imposibilita ao entregar os cuadrantes das quendas de traballo “con moi pouca antelación”. De feito, o do mes de xullo foi entregado o 29 de xullo, cando teñen que ser comunicados con tempo suficiente para coñecemento do persoal; ou co feito de que o cómputo da xornada sexa incorrecto, ademais de non permitir escoller o pago das horas feitas a maiores xa que que a empresa opta por impoñer días de descanso. Tamén se queixan de que a dirección lles reduce a xornada de xeito unilateral e arbitrario.
Ademais rexeitan o que consideran unha discriminación entre o cadro de persoal, xa que a empresa trae a Vigo socorristas doutros puntos do Estado aos que lles abona un salario superior, permitíndolles tamén librar todas as fins de semana.
Por todo isto acordaron en asemblea iniciar as protestas, que nun primeiro momento tiveron lugar este sábado en Samil. Os afectados/as percorreron en manifestación parte do paseo marítimo e concentráronse ás portas do posto central do servizo de socorrismo e salvamento, onde berraron consignas e despregaron unha faixa co lema “Socorrismo e accesibilidade, por un traballo digno”.