O persoal do servizo de raios de Urxencias continúa coas mobilizacións en demanda de máis celadoras/es
As traballadoras e traballadores do servizo de raios de Urxencias do Hospital da Coruña proseguen, un xoves máis, coas mobilizacións pola falta de persoal celador, tanto na quendas de mañá como na de tarde, así como pola falta de recursos nos equipos de radiodiagnóstico.
Despois de varias semanas de protestas, denuncian que "a nova ocorrencia da Xerencia do CHUAC no seu 'plan funcional de radioloxía de Urxencias', foi nomear coordinadoras/es de raios a esgalla nese servizo, pasando de termos unha coordinadora antes do inicio do conflito a ter seis no día de hoxe".
Aínda que poida parecer positiva esta idea da Xerencia como posta en valor da figura das/os coordinadoras/es de raios, e incluso poida parecer unha achega positiva a creación de cinco novos postos de xestión, "a realidade é ben distinta", critica a Comisión de Centro do CHUAC.
"Non hai orzamento para estes postos e non constitúen un incremento de persoal. Ao contrario, trátase do mesmo persoal que xa existía no servizo, nomeado “a dedo” (pois non se fixo convocatoria pública oficial como recolle o decreto 206 para estes postos), e que ademais non realiza tarefas de xestión, senón que estes postos “infíltranse” nas quendas de traballo facendo as funcións propias do persoal técnico de raios. Iso si, dispoñen de autoridade para redirixir e organizar os/as compañeiros/as se fose preciso, non vaia ser que se lles descontrolen", subliñan.
A modo de exemplo, de nove técnicas/os de raios en quenda de mañá, tres delas/es son coordinadoras/es. "Estes postos sáenlle de balde á Xerencia: nin achega recursos humanos, nin lles abona o cargo e incluso sérvelles para aparentar innovación. Mais a realidade é que seguimos sen os recursos adecuados para atender o servizo con calidade".
Por iso, dende a Comisión "aconséllalle" á Xerencia que proceda a nomear a todo o servizo de raios "cun deses cargos, xa que as protestas non van cesar".