Mantemento do CHUO convoca cinco xornadas de folga para reclamar o cumprimento do convenio
O cadro de persoal de Ferrovial, concesionaria do servizo de mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), decidiu finalmente en asemblea convocar cinco xornadas de folga os vindeiros días 6, 7, 8, 9 e 12 de febreiro para reclamar o cumprimento do convenio colectivo e esixirlle á empresa que remate coa discriminación laboral con respecto a compañeiros/as doutros centros sanitarios da provincia.
Segundo explican dende a CIG-Industria de Ourense, os traballadores/as optaron por convocar os paros porque a proposta da dirección está moi lonxe da reivindicacións que lle trasladaron ao responsábel da empresa o pasado día 12.
Entre elas que se respecte o vixente convenio provincial do siderometal, xa que a pesar de que a súa xornada inclúe fin de semanas e festivos non reciben ningún tipo de remuneración ou compensación.
Tamén demandan que se remate coa discriminación laboral con respecto a compañeiros/as que traballan noutros centros sanitarios da provincia no que ten que ver cos pluses de perigosidade, festivos e fins de semana. “Nalgúns deles cobran por exemplo un 35% de plus de toxicidade fronte ao 25% que ingresan os do CHUO “a pesar de que desenvolven o mesmo traballo”.
Cadro de persoal insuficiente
Ademais, denuncian que o actual cadro de persoal é insuficiente para cubrir as necesidades de mantemento de todo o complexo, ao tempo que alertan sobre o elevado número de accidentes que se producen na quenda de noite, que conta cun único traballador/a.
Na central consideran que a decisión adoptada polos/as traballadores/as é moi positiva, “xa que a folga é unha ferramenta que temos a clase traballadora para defendernos das continuas agresións por parte das empresas, sobre todo dunha coma Ferrovial que acada grandes beneficios sen que teñan repercusión no conxunto do cadro de persoal”.
Lembran que despois de varios intentos por parte dos traballadores/as de chegar a acordos para non ter que xudicializar o conflito, “a convocatoria dos paros é a única vía que queda para lograr as reivindicacións”.