O persoal do Sergas protestará para recuperar dereitos suspendidos so pretexto da crise
CIG-Saúde, CCOO, CSIF, UGT, SATSE e SAE anunciaron este mércores, en rolda de prensa, unha campaña de mobilizacións diante da negativa da consellaría de Sanidade a convocar a Mesa de Negociación para estabelecer un calendario que permita recuperar os acordos relativos ás condicións de traballo e melloras retributivas para o persoal do SERGAS. Unha negativa que transmitiu o propio conselleiro nunha xuntanza, celebrada o pasado día 9 de febreiro, que cualificaron como “frustrante e cabreante”.
A este respecto, a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, explicou que o propio Jesús Vázquez Almuíña trasladou ás organizacións sindicais que conforman a Plataforma para a recuperación de dereitos, que “non toca agora” falar desas cuestións porque o que hai que facer son Plans de Estabilidade laboral con Ofertas de Emprego Público.
Diante desta xustificación, a secretaria nacional de CIG-Saúde lembrou que durante o bipartito, e nunha única lexislatura, houbo capacidade para negociar na mesa sectorial acordos retributivos e de mellora de condicións laborais, carreira profesional ou o acordo de Atención Primaria entre outras.
Por iso asegurou que “as organizacións sindicais temos experiencia para poder negociar na mesa sectorial todos os acordos retributivos e todas as cuestións que afectan a condicións de traballo, como OPEs, para que todos os traballadores e traballadoras do SERGAS teñan estabilidade e, ao tempo, condicións de traballo dignas”.
Carreira profesional
Abuín considerou que o que falta é a vontade política necesaria para facelo. Unha vontade “que este goberno non ten” e desmentiu a afirmación de que a carreira profesional, por exemplo, estea suspendida en todos os servizos de saúde do Estado. “A día de hoxe está plenamente implantada en Cantabria, Navarra, Baleares e Cataluña. Está en vías de recuperación en Asturias, Euskadi, Castela a Mancha, Valencia, Andalucía e Canarias e completamente paralizada en Galiza, Castela-León, Madrid e Estremadura. Estamos, como sempre, na cola”.
Só 3€/hora de noite para un Grupo A1
Respecto do acordo retributivo que compensa a penosidade polas condicións de traballo, a secretaria nacional de CIG-Saúde asegurou que segundo a propia Orde de Confección de Nóminas publicada o 15 de febreiro de 2017, un/ha enfermeiro/a, Grupo A1, cobra por unha hora de noite 3,86€; un/ha técnico/a, Grupo C, cobra 3,14€ por hora de noite e un Grupo C2, auxiliares e celadores/as, 2,76€/noite.
Cantidades insuficientes diante das que lembrou que o que contemplaba o acordo de mellora retributiva no relativo a nocturnidade era un incremento acumulado de outros 3€ de valor por esa hora, e denunciou que “se comparamos as nosas táboas salariais con outras vemos que en 2008 estabamos de últimos con respecto ao resto do Estado e aí seguimos”.
Plan de Estabilidade
Desde a plataforma sindical tamén se cuestionou o propio Plan de Estabilidade, porque segundo o Plan de Ordenación de Recursos Humanos, producíronse nestes anos 4.382 xubilacións das cales só se convocaron até o de agora 1.730 prazas. “Polo tanto faltarían aínda 2.652 prazas para recuperar o cadro de persoal de 2010”, sinalou Abuín.
Para as organizacións sindicais a súa oferta de negociación parte da boa fe mentres que “o que ofrece o conselleiro é bloquear”.
Ademais, a posición de Feijóo respecto da OPE foi duramente criticada por considerala unha “chantaxe” ás organizacións políticas para que avalen así os Orzamentos Xerais do Estado.
Mobilizacións
Por todo isto, a plataforma sindical pola recuperación de dereitos no SERGAS anunciou que entre o día 6 e até o 14 de marzo se convocarán asembleas en todos os centros de saúde das distintas áreas sanitarias. Parello a isto porase en marcha unha recollida de sinaturas entre o persoal e convocarase unha concentración coincidindo coa entrega das mesmas.
A previsión é que esta parte do traballo de sensibilización se desenvolva antes do verán para xa pór en marcha mobilizacións máis contundentes a partir de setembro.