O persoal do sector dos conxelados non descarta ir á folga se a patronal persiste na súa actitude
Traballadoras do sector dos produtos elaborados do mar concentráronse na mañá deste xoves ante a Feira Internacional Conxemar, en Vigo, para reclamar un convenio digno que poña fin aos históricos baixos salarios e precariedade. A protesta ten lugar tras a ruptura das negociacións coa patronal, que, se persiste na súa actitude, podería motivar a convocatoria de folga.
Xabier Aboi, da CIG-Mar, salientou que o persoal do sector, con peso maioritario en Galiza e cun 80% de mulleres traballando, está inmerso nun proceso de debate e mobilización que contempla asembleas e protestas, e que podería rematar, mesmo, na convocatoria de folga.
Insiste en que o convenio estatal de produtos elaborados do mar, que expirou en 2015, é “o peor de todo o ámbito da alimentación”. Unha situación tolerada durante anos por CCOO e UGT e que aumentou en capacidade reivindicativa tras acadar a CIG un 40% de representatividade sindical no noso país.
Unha das metas que se marcan é a do aumento salarial, xa que desde 2010 perderon poder adquisitivo ao non acadar sequera o incremento do IPC, empobrecendo unhas nóminas propias de “man de obra barata” que en moitos casos non chegan a mileuristas.
No tocante á recuperación de dereitos esixen limitar o traballo temporal e evitar a implantación de novas fórmulas abusivas como empresas multiservizos ou falsas cooperativas. Denuncian casos de centros de traballo nos que hai tres veces máis traballadores/as de ETT que contratados pola empresa principal, ou industrias onde operan até tres ETTs diferentes.
Alén diso, lembran nas condicións duras de traballo no sector, que decorre en ambientes moi húmidos e fríos, a velocidades de vertixe. É por iso que se reivindica un plus de refrixeración, así como outros pluses para traballos especiais.
A CIG-Mar reivindica un convenio galego
A CIG-Mar continúa a reivindicar, pola súa banda, a necesidade estratéxica de contarmos cun convenio galego “que podería traer moitos beneficios” ao persoal dos elaborados do mar. Enfatiza, ademais, o “enorme prexuízo” de negociar en Madrid un convenio estatal que afecta unha actividade cun peso do 75% en Galiza e cuxa patronal maioritaria ten a sede en Vigo.