
O persoal do SAF de Viana do Bolo convoca protestas para reclamar melloras laborais

O cadro de persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Viana do Bolo vén de anunciar a convocatoria de mobilizacións para reclamar melloras laborais, tendo en conta que o servizo leva tres anos en precario por falta de licitación e a actual empresa adxudicataria incumpre as condicións recollidas en convenio.
En consecuencia, as traballadoras do SAF decidiron en asemblea desenvolver concentracións todos os mércores de 13:45 a 14:00 horas diante do consistorio até lograr avances nos seus dereitos laborais, xa que a empresa “arrastra un déficit nas melloras que sinala o propio convenio galego de Axuda no Fogar”, tal e como denuncian dende a CIG.
E todo como consecuencia de que o servizo se presta en precario dende hai tres anos por falta de licitación dun novo concurso. “As traballadoras e a CIG mantivemos unha xuntanza cos responsábeis de PP, PSOE e BNG, que nos trasladaron a súa complicidade coas reivindicacións laborais, pero non chegan a un acordo para poder sacar adiante a licitación por falta de medios económicos”.
Neste senso, dende a central sindical lembran que o persoal do SAF esixe dereitos básicos como cobrar os salarios nos cinco primeiros días do mes, que se contabilice o tempo de desprazamento como tempo de traballo efectivo, a actualización das nóminas “e respecto polo labor que facemos ao coidar as persoas dependentes da nosa bisbarra”.