As traballadoras do SAF de Ponteareas en folga péchanse no Concello para esixir unha solución
O persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Ponteareas, en folga indefinida dende o pasado 26 de setembro ante os graves incumprimentos da empresa, vén de iniciar un peche no interior do Concello para reclamar unha solución ao conflito laboral, que pasa por corrixir as deficiencias e pola rescisión do contrato coa concesionaria Óbolo.
Un grupo de traballadoras e de responsábeis da CIG, entre eles o secretario xeral, Paulo Carril, e a secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández, accederon ao consistorio para trasladar as reivindicacións das afectadas durante o pleno da corporación como xa se fixo con anterioridade: que se abonen as nóminas a tempo e que se paguen as horas traballadas, así como medidas de prevención, contratos a tempo completo e que se garantan os descansos legais mínimos, tanto diarios como semanais, entre outras cousas.
Xa preto da medianoite interveu unha representante das traballadoras, que criticou tanto a xestión do Goberno local como a actitude dos dirixentes municipais, que hoxe se limitaron a levar ao pleno unha proposta de sanción para a empresa tras constatar distintos incumprimentos do contrato. En canto á posibilidade de rescindille o contrato, o concelleiro responsábel escudouse no feito de que aínda que se fixese a empresa podería volver a prensentarse ao concurso e gañalo. Estas afirmacións, e alocución final da alcaldesa, Nava Castro, acusando as empregadas do SAF de falta de sensibilidade coas persoas usuarias do servizo encenderon os ánimos das persoas presentes, que interromperon a sesión ao berro de "Empresa culpable, Nava responsable". Tras o que a rexedora deu por suspendido o pleno ao superarse a medianoite.
A continuación as traballadoras comezaron os preparativos para pasar a noite no interior do salón de plenos xunto a varios responsábeis da CIG -entre eles o propio secretario xeral, o secretario nacional da CIG-Servizos e o secretario comarcal da CIG de Vigo-, peche que abandonarán ás 10:30 horas para ofrecer unha rolda de prensa nas escaleiras do Concello coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Coidados e o Apoio, establecido pola ONU “para recoñecer a importancia de investir nos coidados e de crear sistemas sólidos, inclusivos e respectuosos cos dereitos humanos que respondan ás necesidades de todas as persoas”.