O persoal do SAF de Ourense mobilízase para denunciar a incerteza laboral tras quedar deserto o concurso
As traballadoras/es do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ourense mobilizáronse hoxe de novo diante do consistorio para denunciar a incerteza laboral na que se atopan despois de que o concurso de adxudicación quedase deserto. Ao remate da concentración decidiron suspender as protestas que desenvolven a diario mentres dure a actual alerta sanitaria.
Dende a CIG-Ourense reiteran que a única saída para a problemática que atravesa do servizo tras o abandono de Sacyr é a remunicipalización, “algo que non sería moi difícil xa que se trata basicamente de xestionar persoal”. Lembran que a formación que sustenta ao grupo de Goberno levaba no seu programa esta medida, “pero agora non cumpren co prometido”.
Critican que o Goberno local tivese negociado “de de forma opaca” coa empresa Atendo, que se están a facer cargo do servizo de xeito momentáneo, aínda que xa expresou a súa intención de renunciar á xestión. “Cos prezos do prego de condicións é imposíbel cubrir o custe do servizo e cumprir o convenio colectivo”, sinalan dende a central.