O persoal do SAF Arteixo Norte denuncia graves irregularidades e esixe medidas urxentes á empresa Osventos

- 10 Out 2025

 A representación do persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Lote Norte en Arteixo vén de remitir unha comunicación formal á empresa Osventos Innovación en Servizos S.L., actual adxudicataria do servizo, ante as irregularidades que se están a producir nos últimos meses e que afectan de xeito directo ás traballadoras.

O persoal denuncia unha situación crecente de precariedade, descoordinación e o incumprimento sistemático das obrigas por parte da empresa. “As profesionais do SAF están a padecer unhas condicións laborais cada vez máis insostíbeis, a pesar de realizar un labor esencial para a comunidade”, advirte a representación sindical.

Entre outras cuestións, denuncian o incumprimento do compromiso de negociación colectiva adquirido pola empresa o 11 de agosto de 2025.  Así como a existencia de irregularidades graves nos pagos ao persoal, e contratos en condicións que poderían supoñer unha posíbel fraude de lei, “mantendo contratacións temporais en postos de traballo claramente estruturais e continuados no tempo”.

Ademais, sinalan que o Concello de Arteixo, a pesar de ser coñecedor desta situación e de recibir varios correos informativos por parte da representación sindical, “non deu resposta até o de agora, o que contribúe a agravar o clima de desamparo institucional que estamos a vivir”.

A representación sindical do SAF Arteixo Norte esixe a regularización inmediata desta situación e advirte que, “de non obter resposta no prazo establecido, iniciaranse as accións legais e sindicais necesarias para garantir os dereitos laborais das traballadoras”.

Esta denuncia, engaden, “forma parte do noso compromiso coa defensa da dignidade profesional e das condicións laborais de todas as traballadoras do servizo, que desenvolven a súa tarefa en condicións moitas veces complexas e cun alto nivel de responsabilidade social”.