O persoal do naval da ría de Ferrol maniféstase para reclamar investimentos nos estaleiros e emprego
Os traballadores e as traballadoras de Navantia continuaron este mércores co calendario de mobilizacións para reclamarlle ao Goberno que faga os investimentos necesarios nos estaleiros para garantir o seu futuro e a incorporación de novo persoal. Baixo o lema "investimentos + emprego = futuro", o persoal saíu en manifestación dende a porta principal do estaleiro ferrolá até a delegación de Facenda, portando monecos coas caras do presidente do Goberno español, da ministra de Facenda, da presidenta da SEPI e do presidente da empresa naval.
A sección sindical da CIG en Navantia reitera sen as novas infraestruturas, como o dique de novas construcións, non haberá futuro para os estaleiros da Ría. Subliñan que esta é unha ferramenta vital para facer o estaleiro competitivo, polo que non se pode admitir, como pretenden a SEPI e a propia empresa, que a súa construción dependa de acceder a un contrato con Australia ou de que se obteñan beneficios.
Xunto a isto, reclaman investimentos inmediatos no departamento de Reparacións, "abandonado pola empresa", malia ser a actividade que sostén o emprego e unha parte moi importante da economía da comarca, en situacións como a que se vén padecendo nos últimos anos de falta de carga de traballo en novas construcións.
Malia ser esta unha área que xera beneficios, non se materializan os investimentos urxentes que precisa nin está garantida a construción do novo dique. E neste senso, a representación da CIG alerta que se están rexeitando contratos para o estaleiro de Ferrol pola falta de capacidade, nun sector que ademais está en alza.
"Desbotada xa a construción naval en Fene, se non o evitamos, atoparémonos nun futuro non moi afastado con Ferrol como un mero estaleiro de sínteses ao servizo exclusivo da Armada española", alertan.