O persoal do IMCE presenta alegacións ao orzamento municipal de 2022
O persoal do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), organismo autónomo do Concello da Coruña, presentou o pasado venres alegacións ao orzamento municipal de 2022 xa que, previamente á súa aprobación inicial, non se levou a cabo a obrigatoria e preceptiva mesa de negociación coa representación social.
A pesar de que desde hai meses o persoal solicitou en múltiples ocasións que se reunira a Mesa de Negociación, "non se obtivo resposta algunha por parte do Goberno municipal", denuncian
Lembran que con tan só 8 persoas no cadro de persoal, este organismo xestiona as festas da cidade, o Coliseum, o Teatro Rosalía Castro, o Teatro Colón, o auditorio, o cinema, as aulas de actividades e o programa de ocio do Forum Metropolitano, e o auditorio, as aulas e o programa de ocio do Ágora, cun orzamento inicial para 2022 de 6.730.000€, que supera con moito a consignación dalgunhas concellerías e de moitos concellos de Galiza.
Pero mentres que o orzamento do organismo se incrementou este ano en 1.000.000€ para aumentar a programación, "non só non creceu o orzamento de persoal, tal e como se comprometera o Goberno local en numerosas ocasións, senón que se reduciu en máis dun 20%".
De feito, explica o delegado de persoal da CIG, Paulo Rodríguez, as prazas vacantes orzadas anteriormente (Xefatura de Mantemento, Auxiliar de Mantemento, Dirección do Fórum Metropolitano, Dirección do Teatro Colón e Dirección de Festas) non se ofertaron, e neste novo orzamento xa non se contempla máis que a convocatoria da dirección do Forum Metropolitano e do Teatro Colón para o último trimestre de 2022. "Isto supón, unha vez máis, unha nova merma no cadro de persoal do IMCE que nos últimos anos viu reducidos de 14 a 8 os postos de traballo do organismo", advirte.
Ademais, tampouco se mantiveron os acordos comprometidos en materia de persoal recollidos e incluídos no anterior orzamento aprobado en 2020.
Neste senso, critican quen de momento, o Goberno local limitouse a asinar un convenio entre o IMCE e o Concello para colaborar na xestión do organismo "aínda que, coa súa aplicación, a carga laboral do persoal do IMCE lonxe de verse reducida vai en aumento, expoñendo á totalidade do persoal a un estrés continuado e acentuando un elevado risco psico-social das traballadoras e traballadores".
Por todo isto, o persoal do IMCE empraza o Goberno local a que reactive a Mesa de Negociación, a que se fagan efectivos todos os cambios pactados con anterioridade, a que se cubran todas as prazas vacantes, e se realice a pertinente modificación orzamentaria que viabilice ampliar a Oferta Pública de Emprego. Así mesmo, avanzan que se reservan" o dereito a escomenzar as accións de protesta que considere oportunas".