Persoal do Hotel Balneario da Toxa traslada as protestas contra os despidos á oficina principal de HOTUSA en Chantada

A mobilización coincidiu cunha nova xornada de folga para rexeitar o ERE
O Grove - 17 Dec 2024

Un grupo de persoas traballadoras do Hotel Balneario Eurostars Illa da Toxa trasladouse hoxe até Chantada mobilizouse hoxe diante da oficina principal do grupo HOTUSA convocadas pola CIG contra os despidos no establecemento grovense. A protesta coincidiu cunha nova xornada de folga para reclamar a retirada do ERE, medida que terá continuidade este xoves 19, cando tamén se desenvolverá unha concentración ás portas do Concello do Grove ás 19:30 horas.

A central sindical xa anunciou que solicitará a nulidade do ERE por vía xudicial ao entender que se trata dunha decisión “inxusta e inxustificada”, ao tempo que demandará que o informe da Inspección de Traballo sexa negativo. Ademais de denunciar diante da autoridade laboral que durante as xornadas de folga convocadas contra os despidos a compañía cubriu os postos de folguistas con persoal externo.

Dende a CIG lembran que unicamente 10 das 36 persoas traballadoras do hotel aceptaron a proposta da empresa de precarizar as súas condicións laborais para non seren despedidas. “Agora tocoulle tamén ás camareiras de piso, que veñen de recibir un ultimato: ou aceptan converter os contratos en fixos descontinuos ou van á rúa”.

Estas decisións responden a unha estratexia coa que por unha parte se pretende externalizar servizos e pola outra desfacerse do persoal “máis incómodo” e con maior antigüidade na empresa. De feito, no ERE están incluídos 4 dos 5 membros do comité. E tamén todas as persoas que se atopaban de baixa médica.

E todo isto a pesar de que se veñen de coñecer as previsións económicas feitas públicas polo propio grupo HOTUSA -propietario do establecemento grovense- para o ano 2014. A cadea hoteleira estima que pechará o exercicio tanto con récord de facturación (1560 millóns de euros) como de beneficios netos (115 millóns).