O persoal do Hotel Balneario da Toxa protesta contra o ERE e as chantaxes da empresa
Persoas traballadoras e clientes do Hotel Balneario Eurostars Illa da Toxa mobilizáronse hoxe diante do establecemento para amosar o seu rexeitamento ao ERE extintivo e a chantaxe da empresa, que pretende precarizar aínda máis as condicións laborais a cambio de reducir os despidos. As protestas continuarán este sábado 23 e o martes 26.
Segundo explican dende o comité de empresa do hotel do grupo HOTUSA , con maioría da CIG, aínda que a dirección rexeitou a mediación do AGA agora amósase disposta e negociar coa representación sindical, polo que as partes remitiranse as respectivas propostas coa intención de minimizar os efectos do ERE.
Dende a central sindical insisten en reclamar a retirada dunha medida que consideran “inxustificada e fraudulenta”. A dirección xustificou a decisión esgrimindo causas organizativas e da produción, mais propuxo como alternativa a transformación de 17 contratos indefinidos en fixos descontinuos e outros 4 indefinidos en indefinidos a tempo parcial. O restantes 15 empregados/as, dun total de 36, serían despedidos.
“A empresa sostén nos seus informes que o establecemento é deficitario por falta de demanda en períodos de temporada baixa, pero o certo é que verdadeiro motivo é falta de oferta e unha xestión deficiente na explotación do hotel”. E denuncian que “curiosamente” pretende aplicar o ERE despois de que o persoal non aceptase as propostas que mesmo incumprían o convenio colectivo (vacacións, calendario laboral, etc).
Establecemento de temporada
Detrás desta decisión empresarial agocharíase tamén os plans para converter o hotel nun establecemento de temporada, deixando de prestar servizos como o de restauración (de feito despiden a todo o persoal deste departamento) e o de balneario (tamén prescinde de todo o persoal). Para o que opta por externalizar a xestión do balneario, pero non a unidade produtiva, “tratando deste xeito de impedir a subrogación do persoal”.
É nos departamentos de recepción e mantemento nos que pretenden que as persoas traballadoras acepten transformar os seus contratos, o que no caso das que pasasen a fixas descontinuas suporía a perda dun terzo do traballo anual, e polo tanto dos ingresos. E no caso dos indefinidos a tempo parcial suporía a perda do 50% da xornada anual e da mesma porcentaxe dos ingresos.