O persoal do Grupo SADA mobilízase para exixir garantías de mantemento do emprego e da capacidade produtiva
Traballadores e traballadoras do matadoiro que o Grupo SADA PA SA ten en Casto Ribeiras de Lea concentráronse esta tarde en rexeitamento aos continuos despedimentos, a redución de empregos e para demandar garantías de que a empresa manterá a actividade produtiva e todos os postos de traballo na sala de despece.
A protesta, explica o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, prodúcese como consecuencias das decisións que a empresa (que pertence ao grupo líder no sector da industria cárnica Vall Companys) está a adoptar para o centro de traballo de Castro "que xeran un número indeterminado de despedimentos, pondo mesmo en perigo o futuro da sala de despece".
En datas recentes, a empresa procedeu a despedir á práctica totalidade do persoal que presta servizos a través de ETT, está propondo modificacións das condicións laborais ao persoal, executa despedimentos arbitrarios e ameaza a diario con reducir aínda máis o cadro de traballadores/as da sala de despece.
Diante disto, o comité solicitou unha reunión urxente coa dirección e trasladou o rexeitamento a estas actuacións, esixindo tamén a garantía da empresa sobre o mantemento da totalidade dos postos de traballo na sala de despece e o 100% da capacidade produtiva. Demandas todas "desatendidas polo agora e retardando incluso a reunión co comité".
Para o secretario comarcal da FGAMT-CIG estamos diante dunha situación forzada pola propia empresa cuxo obxectivo sería desviar a totalidade da produción no despece a outros centros de traballo do grupo e non asegurar a reposición de nova clientela nas instalacións de Castro.
"É indefendíbel que o Grupo Vall Companys, que ten a exclusiva para o abastecemento de Mercadona, non garanta o 100% da capacidade produtiva para a sala de despece de Castro Ribeiras de Lea", denuncia López Carmona. Advirte que fronte a esta manobra "ou hai unha solución urxente ou constituirá un paso claro para o desmantelamento da sala de despece, algo que o persoal non vai consentir".