O persoal do Grupo Norte, que xestiona a Central de Coordinación do 061, suspende a folga
O cadro de persoal de Grupo Norte, que xestiona a Central de Coordinación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061, decidiu onte en asemblea suspender a folga indefinida ante a apertura de negociacións e xa que os servizos mínimos abusivos impiden a realización de paros. Con todo, os traballadores/as seguirán a mobilizarse cada semana até lograr unha compensación xusta polo seu traslado forzoso dende Santiago á Estrada.
Os empregados/as de Grupo Norte apostan por suspender a folga que mantiñan dende o pasado sábado día 4 de forma indefinida -e que consistía en paros parciais de catro horas os luns, sábados e festivos- ante a celebración de tres reunións coa empresa que terán lugar os vindeiros días 14, 21 e 22 de agosto nas instalacións da Central de Coordinación do 061 en San Marcos, en Santiago, a partir das 11:00 horas.
Dende o comité de folga (3 CIG, 1 CUT e 1 USO) explican que os traballadores/as tamén tomaron a decisión de continuar coas mobilizacións cada semana até lograr un acordo que compense o cambio de centro de traballo.
As protestas celebrarase todos os mércores en distintas localizacións, aínda que a primeira delas terá lugar este martes 14 (ao ser festivo o mércores) na sede da Fundación 061 na rúa do Campo de Conxo, en Santiago, tamén ás 11:00 horas.