O persoal do Grupo Losán maniféstase polo cobro dos salarios, os empregos e a continuidade produtiva
As traballadoras e traballadores do Grupo Losán en Galiza manifestáronse este xoves dende a rotonda do Empalme até a factoría de Industrias Losán en Curtis de defensa dos empregos, para reclamar o cobro inmediato dos seus salarios e exixir un plan de viabilidade que garanta o futuro industrial das factorías. A manifestación enmárcase nunha xornada de mobilizacións simultáneas en todos os centros de traballo do grupo, cuxa continuidade produtiva está ameazada pola nefasta xestión empresarial e a persistente falta de liquidez.
A manifestación, malia a intensa e persistente choiva e o frío, contou coa participación tamén de ducias de veciñas e veciños de Curtis e Vilasantar que quixeron trasladarlle o seu apoio ás traballadoras e traballadores de Losán, cuxas factorías empregan a unhas 200 persoas. Ademais, durante o paso da manifestación os comercios, a hostalería e outro tipo de negocios como talleres, permaneceron pechados en solidariedade co persoal de Aserpal, Industrias Losán e a oficina que a empresa ten na Coruña.
A empresa debe dúas nóminas e a paga extra
A empresa xa acumula o impago de dúas nóminas (novembro e decembro) e a paga extraordinaria de nadal e non existen datas concretas nin compromisos de cando se pagarán os soldos nin que ocorrerá nos próximos meses. Tampouco hai información clara sobre a entrada do novo investidor, agravando así a incerteza sobre o futuro dos empregos e a continuidade produtiva, ao que se suma “a pasividade das institucións que teñen capacidade para intervir e non o fan”.
O persoal acusa á dirección dunha nefasta e irresponsábel xestión que se vén arrastrando dende hai anos e que levaron a empresa a unha situación insostíbel e agónica. Esta mala xestión provocou un goteo constante de saídas de traballadoras e traballadores, “en moitos casos amparadas por sentenzas xudiciais que constatan o incumprimento reiterado das obrigas salariais”.
No manifesto lido ao remate da marcha, salientouse que non se está a perder unicamente emprego, “senón coñecemento industrial, experiencia técnica e capital humano construído durante décadas nun grupo que foi referencia do sector da madeira”.
Neste senso, o secretario da Federación de Construcións e Madeira da CIG da Coruña, Mario Maceiras, exíxelle ao grupo empresarial “que deixe de mendigar subvencións para pagar malamente os salarios” e que poña as fábricas galegas a producir de inmediato. Lembra que esta empresa “foi o segundo grupo de fabricación de taboleiro de maneira a nivel galego e tamén estatal”, e que a situación actual de falta de liquidez e parálise produtiva se chegou exclusivamente por unha mala xestión empresarial.
Destaca Maceiras que a dirección administrou incorrectamente tanto os fondos propios “como os millonarios fondos públicos” achegados nos últimos anos, que cuantifica nas seguintes contías: 5 millóns de euros de XES Galiza; 2 millóns do IGAPE; 18 millóns procedentes do ICO e 35 millóns da SEPI. “En total, 60M€ de fondos públicos e as fábricas levan dous anos sen case producir e o persoal está sen cobrar os salarios e nunha situación insostíbel”, denuncia.
Chamado ás administracións
Por iso, con esta protesta o persoal tamén quere lanzar un chamado ás distintas administracións implicadas, con especial atención ao papel da SEPI “que deu o seu visto bo á operación co investidor, pero que permanece nunha posición de inacción mentres a situación se degrada. Non se exixen responsabilidades polos atrasos, non se activan mecanismos correctores e non se promove ningunha solución que permita aliviar unha situación xa claramente insostíbel”.
Reclaman implicación real “porque están en xogo miles de postos de traballo en xogo, e se está a desmantelar un grupo industrial estratéxico e comarcas enteiras que se vertebran arredor destas fábricas”.