O persoal do Grupo Deus mobilízase en Ordes na segunda xornada de folga
A segunda xornada de folga no Grupo Deus está a rexistrar un seguimento total. Dende primeiras horas, as traballadoras volveron concentrarse ás portas da fábrica no Polígono Industrial de Ordes, berrando contra un ERE que consideran unha fraude e denunciando o impago dos salarios. Para dar máis visibilidade a súa loita, o persoal desenvolveu unha marcha a pé dende as instalacións da empresa -onde recibiron a visita solidaria do deputado do BNG Xosé Luis Rivas 'Mini'- até a Alameda.
Na mobilización deste mércores, Dores Martínez, Secretaría Nacional da FGAMT-CIG reclamou a derrogación da reforma laboral xa que nela "é no que se ampara a patronal para destruír sen piedade postos de traballo e precarizar as relacións laborais".
Ao tempo, demandouse a necesidade de frear a deslocalización do sector téxtil a través da que as empresas so perseguen incrementar os beneficios "a conta da explotación laboral, mesmo de nenas e nenos".
Nesta liña, denunciou que as empresas utilicen os cartos procedentes de axudas públicas para levar adiante proxectos de externalización da produción, polo que pediu que se elimine este tipo de axudas. "Non pode ser que se utilicen os cartos das galega e dos galegos pra destruír postos de traballo e o noso propio tecido industrial", aseverou Martínez Castelo.
As traballadoras continuarán o xoves coa folga para rexeitar os 103 despedimentos que pretende executar a empresa, e demandar o abono das nóminas impagadas. A este respecto volveron denunciar a " burla" que supón o plan de pagos proposto, polo cal comezarían a cobrar as contías pendentes (cinco mensualidades) a partir de novembro e na irrisoria cantidade do 5%.