O persoal do Espazo Beatriz Seijo Artist Studio, en folga indefinida, celebrará una aula aberta reivindicativa o 17 de setembro
As traballadoras do Espazo Beatriz Seijo Artist Studio de Santa Marta, en Compostela, teñen previsto desenvolver una aula aberta reivindicativa o vindeiro martes, día 17 de setembro, ás 17:00 horas. Na actividade, á que convidan a participar a todo o alumnado, combinarán a ensinanza coa exposición da súa situación laboral. Ese mesmo día, ás 12:00 horas, concentraranse novamente diante do centro de traballo.
O persoal iniciou a folga o pasado mércores, día 11 de setembro. Un paro secundado por máis do 80% do persoal co que demandan a readmisión dunha compañeira despedida, a regularización das categorías profesionais de varias compañeiras e a equiparación salarial.
O comité de folga incide especialmente en que a convocatoria tamén responde ás necesidades dos usuarios, nun centro cunhas ratios que impiden desenvolver as clases coa normalidade e calidade necesarias e que non conta cun plan de seguridade específico para cada actividade.
As causas do conflito
Segundo explican as propias traballadoras, a principios de maio tiveron a primeira reunión coa empresa para preparar a Festa na Rúa de fin de curso e solicitar que as e os profesionais que traballaran ese día cobraran as horas de actividade, ao que a dirección se nega. A festa suspéndese até setembro pero, a raíz disto, o persoal comeza a reunirse para valorar a súa situación, exteriorizándose o grande malestar que senten.
Semanas despois presentan un texto con propostas de mellora, elaborado por 8 das 9 traballadoras, tanto das compañeiras máis precarizadas, como do funcionamento interno, bastante deficitario canto a comunicación, coordinación e planificación. A empresa denega todas as súas demandas “de moi malas formas” e resposta que “as condicións laborais negóciaas cada traballadora por separado coa empresa”.
Días despois desta xuntanza unha das traballadoras, que levaba un ano en relación laboral coa empresa como falsa autónoma, é despedida. Decisión diante da que solicitan unha nova reunión para explicar os motivos das súas demanda pero “entre berros e malas formas volven negarnos calquera solución”.
A folga como último recurso
A finais do mes de xuño, asesoradas pola CIG, solicitan unha terceira reunión á que asisten os membros da dirección da empresa asistidos por unha avogada. Concédenselles algunhas demandas menores, como realizar reunións de empresa periódicas pagadas ou que se leve un rexistro horario por horas e minutos reais traballados.
Tras das eleccións sindicais, nas que resulta electa a representante da CIG, prodúcese un último intento de negociación que non é respondido até mediados de agosto. “Novamente se negan a aceptar todas as nosas demandan e retroceden na das reunións periódicas”.
Por iso acaban convocando unha folga con carácter indefinido “para loitar contra a precariedade que sufrimos, reclamar todas as melloras e defender os nosos dereitos”.
As súas demandas
O primeiro punto das súas demandas é a readmisión da compañeira despedida a todos os efectos, coa antigüidade correspondente e cos seus dereitos restituídos.
Xunto a isto, reclaman o recoñecemento da categoría profesional das profesoras titulares de creatividade infantil; a redución das ratios de todas as aulas, para asegurar unha axeitada atención ao alumnado e maior calidade e seguridade do servizo en relación co tamaño das aulas; equiparación salarial, rematando coa fenda salarial de xénero e revisión da normativa interna de horas extraordinarias, así como dereito á conciliación.
Ademais demandan poder celebrar xuntanzas con todo o persoal, en horario laboral e con periodicidade mensual, para mellorar a conciliación; o cumprimento da normativa canto a horas de traballo dedicadas a programación, preparación das aulas e mantemento e forneado; rexistro da xornada efectiva real e un Plan de Formación que atenda as necesidades das traballadoras, empresa e persoas usuarias.
A isto engaden a elaboración dun protocolo de seguridade axeitado para cada espazo e dun Plan de Igualdade.
Traballo coa cerámica e propiedade intelectual
- Na área de cerámica é preciso ofertar un servizo de calidade, facer un adecuado mentemento dos talleres e materiais e o necesario cuidado das pezas do alumnado e do seu enformado. É preciso ter un ambiente seguro no que o profesorado poida atender en boas condicións o alumnado, sen estar sobresaturado polo volume de pezas e traballo.
- Para garantir a seguridade de todas as persoas que utilizan os dous centros de traballo é preciso que:
- A totalidade de horas ofertadas para aulas en cerámica ten que estar igualada en horas de mantemento e forneado sen contar as horas dedicadas a programación.
- Para dar cobertura a todos os grupos de cerámica de Santa Marta necesitamos un forno de 80L ou 100L dado que o actual de 60L está saturado.
- Instalar un adecuado sistema de extracción de aire para os fornos.
- A programación e o material dos obradoiros ou monográficos e as obras xeradas polo profesorado para impartir aulas deben ser propiedade deste e non da empresa porque se realizan á marxe do traballo exclusivamente académico para o que foi contratado.
- Creación dun plus económico dentro do salario mensual para situacións e peticións de exclusividade laboral e tamén acordar por escrito a propiedade intelectual.